Xustiza

Investigan un traballador social de Lugo por presuntos abusos sexuais a varias usuarias

Xulgados de Lugo. (Foto: Europa Press)
O caso está agora en mans do Xulgado.

Un traballador social do Concello de Lugo está a ser investigado actualmente polas autoridades policiais como presunto autor dun delito de abuso contra varias usuarias dos servizos municipais.

Así o confirmaron esta quinta feira fontes citadas pola axencia Europa Press próximas ao caso, que se atopa en mans do Xulgado tras serlle transferida por parte da Fiscalía toda a información relacionada con estes supostos comportamentos delituosos.

Logo de ter coñecemento da situación a través das queixas manifestadas por varias usuarias dos servizos sociais que recibían atención por parte do investigado, o Concello acordou a apertura dun expediente disciplinario ao traballador.

Unha das medidas adoptadas a raíz do citado expediente foi apartalo de maneira inmediata da atención ao público, unha decisión executada con celeridade tras a que o home solicitou unha baixa laboral.

O caso atópase agora en mans do Xulgado, que deberá investigar a responsabilidade do traballador social municipal en relación ás denuncias de abuso de carácter sexual formuladas por varias mulleres na súa contra.