Investigadoras do CSIC estudan mecanismos para reducir os descartes na pesca

Traballos estatísticos desenvolvidos por investigadoras do CSIC, nunha imaxe de arquivo. (Foto: IEO)

O oceanográfico ‘Miguel Oliver’ parte este sábado de Vigo nunha nova campaña que tamén abordará a mitigación de capturas accidentais de cetáceos e a vixilancia electrónica da pesca

O buque de investigación oceanográfica Miguel Oliver, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, inicia este sábado, 31 de agosto, desde o porto de Vigo a campaña 'Descarsel 0924', cuxo obxectivo principal é o estudo da selectividade, comportamento e supervivencia de especies descartadas, mitigación de capturas accidentais de cetáceos e vixilancia electrónica da pesca.

A área de traballo das investigacións sitúase na plataforma continental da Galiza oeste e Cantábrico occidental, no caladoiro Cantábrico-Noroeste, desde o litoral até unha profundidade de 500 metros.

Durante os once días de duración da campaña, investigadoras e investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) a bordo do buque estudarán as características selectivas das artes de arrastre en relación coas especies comerciais de maior interese para o sector pesqueiro, así como a supervivencia de especies descartadas (raias e quenllas). Tamén se probarán dispositivos de exclusión de cetáceos.

O equipo de investigación estudará o comportamento de especies pesqueiras dentro das redes de pesca e levará a cabo un marcado científico para mellorar o coñecemento da bioloxía das especies. Durante a campaña está prevista a utilización do iOBSERVER, un observador electrónico que identifica e caracteriza as especies de forma automática mediante tecnoloxía de intelixencia artificial.

“Os resultados desta campaña servirán para ampliar o coñecemento da selectividade pesqueira dos dispositivos testados en anteriores campañas e introducir melloras e modificación dos dispositivos que permitan avanzar nas estratexias de redución de descartes nas pescarías obxecto de estudo”, explica Xulio Valeiras, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e responsábel da campaña.

Os resultados deste estudo serán presentados ante o Comité Científico, Técnico e Económico da Unión Europea (Stecf) e ante a propia Comisión Europea, servindo para informar con evidencia científica das propiedades selectivas das artes de pesca utilizadas no caladoiro e “defender da mellor maneira posíbel a toma de decisións en materia de xestión que permitan conxugar a sostibilidade dos recursos e a propia supervivencia socioeconómica do sector pesqueiro”.