Investigadores da USC avanzan no descubrimento de novos fármacos antitrombóticos
A identificación do mecanismo de activación dun receptor de plaquetas pode ser determinante no desenvolvemento de eventos isquémicos.
Investigadores da USC acaban de descifrar o mecanismo e as proteínas chave para a activación dun receptor de plaquetas (CLEC-2), fundamental no mantemento da integridade vascular e que pode supoñer un antes e un despois na identificación de fármacos antitrombóticos. Este receptor xoga un papel menor na hemostasia –a detención dunha hemorraxia- pero contribúe á estabilización do trombo; un proceso que é fundamental no desenvolvemento de eventos isquémicos asociados á activación indesexada das plaquetas.
O grupo Platelet Proteomics do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) lidera este estudo publicado na revista Thrombosis and Haemostasis, que ademais ilustrou a portada desta publicación, e que analiza como se activa o receptor C-type lectin- like receptor-2 (CLEC-2), chave na integridade vascular e desenvolvemento dos vasos linfáticos embrionarios; así como en metástases hematóxenas mediadas por plaquetas.
“Este estudo investiga en detalle o mecanismo de activación deste receptor de plaquetas para así poder identificar que proteínas son claves na devandita activación. Isto foi posible grazas a unha combinación de análises fosfoproteómicos, bioquímicos e funcionais a nivel das plaquetas sanguíneas”, explica o investigador da USC Ángel García.