Saúde

Así é a innovadora terapia contra o cancro de tiroide máis agresivo que descubriu persoal investigador da USC

De esquerda a dereita, o grupo autor da investigación José Manuel Cameselle, Susana Bravo, María Suárez, Miguel Chenlo, Sihara Pérez, Clara Álvarez e Narciso Blanco. (Foto: USC)
"Os resultados demostraron que o axente terapéutico era altamente selectivo, eliminando exclusivamente as células anaplásicas sen afectar as células sas", explica a investigadora Clara Álvarez.

Persoal investigador do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela vén de descubrir unha nova terapia dirixida contra o cancro anaplásico de tiroide, o máis agresivo, que non dana células sas ao eliminar de forma selectiva as cancerosas. Este tipo de cancro, un dos máis agresivos e devastadores, actualmente ofrece moi poucas opcións de tratamento efectivas, cunha taxa de supervivencia de cinco anos de apenas 5%, pero este novo estudo abre a porta a unha terapia innovadora.

A investigación realizouna persoal investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular (CIMUS) e do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ambos os dous pertencentes á USC e ao Instituto de Investigación Sanitaria da Galiza (IDIS), dirixidos por Clara Álvarez e José Cameselle. O estudo, publicado na revista Nature Communications, identifica un axente terapéutico, PIAS2b-dsRNAi, que elimina selectivamente as células cancerosas anaplásicas de tiroide sen afectar as células sas ou a outros tipos de cancro de tiroide de tipo benigno.

"Este achado representa un avance significativo na loita contra esta enfermidade tan desafiante", apunta Clara Álvarez, que sinala que supón un enfoque totalmente novo para tratar o cancro anaplásido de tiroide. O uso de PIAS2b-dsRNAi baséase en identificar que unha das diferenzas entre o cancro anaplásico e as células normais, que á súa vez é esencial para a súa proliferación, podería ser utilizada como o seu talón de Aquiles, comenta José Manuel Cameselle.

O persoal investigador descubriu que unha encima chamada PIAS2b desempeña un papel crucial na supervivencia das células anaplásicas de tiroide. A diferenza das células normais ou doutros tipos de cancro, as anaplásicas dependen de PIAS2b para a súa división. Este descubrimento brindou a oportunidade de deseñar unha terapia dirixida que atacase especificamente esta encima crave.

O equipo deseñou un axente terapéutico baseado en ARN de dobre candena (dsRNAi) transcrito 'in vitro', denominado PIAS2b-dsRNAi, que actúa como unha molécula mensaxeira inversa, silenciando a expresión da encima dentro das células anaplásicas. Como resultado, estas perden a súa capacidade de división e morren nun proceso coñecido como catástrofe mitótica.

A eficacia de PIAS2b-dsRNAi avaliouse no laboratorio utilizando cultivos de células de pacientes con cancro anaplásico de tiroide en comparación con células normais, benignas ou doutros tipos de cancro con bo prognóstico. "Os resultados demostraron que o axente terapéutico era altamente selectivo, eliminando exclusivamente as células anaplásicas sen afectar as células sas", segundo explica a investigadora do CiMUS da USC.

Ademais, as investigadoras deseñaron ensaios preclínicos in vivo e implantaron tumores de pacientes con cancro anaplásico de tiroide en ratos e comparáronse os resultados dos animais tratados coa terapia fronte a un grupo control. Deste modo, os tumores tratados deixaron de crecer, o que proporciona unha evidencia preclínica sólida do potencial terapéutico deste axente.

Eficaz no tratamento doutros cancros

A investigación, ademais, non se limitou ao cancro anaplasico de tiroides. Así, os estudos demostraron que PIAS2b-dsRNAi tamén é eficaz na eliminación de células cancerosas anaplásicas doutras localizacións como páncreas, pulmón ou estómago.

Este feito abre a porta a aplicacións máis amplas no tratamento doutros tipos de cancro e os resultados representan un avance significativo na loita contra o cancro anaplásico de tiroide e outros tipos de cancro anaplásico. Os investigadores esperan que este estudo anime ás compañías farmacéuticas a investir no desenvolvemento clínico deste axente terapéutico, co obxectivo de levalo aos pacientes cando antes.