Investigadores da USC elaboran un mapa de risco para determinar que zonas son “máis sensíbeis” fronte á pandemia

Jorge Mira (Foto: USC)

Empregan diferentes estratexias, entre elas a análise das redes sociais para coñecer a actitude da cidadanía ante a crise sanitaria

Un grupo de investigadores da US co físico Jorge Mira á fronte está a traballar na predición dinámica de escenarios de afectación por Covid-19 a curto e medio prazo. O seu obxectivo é conseguir predicir cal vai ser o avance da pandemia, coa fin de poder anticiparse e poder tomar as medidas de prevención necesarias en cada momento, por exemplo no relativo á ocupación dos hospitais, asesorando á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade durante a primeira onda.

Para poder realizar esta predición os investigadores recorren a diferentes métodos. O primeiro deles baséase nos modelos clásicos de ecuacións diferenciais. Empregando esta estratexia, este equipo foi dos primeiros en todo o Estado español en utilizar a idea do superpropagador. En xaneiro de 2020 xa comezaron a avanzar nesta liña, sendo o seu un dos traballos científicos pioneiros na predición da COVID-19 no Estado. Así, no ámbito galego vaticinaron o pico da primeira onda cun mes de antelación e, ademais, adiantáronse a cal ía ser a ocupación das UCIs no sistema sanitario.

O profesor Mira explica que, “unha vez pasada a primeira onda de contaxios, o escenario comeza a mudar debido a que a poboación toma medidas de prevención de xeito irregular, ao tempo que as normativas van cambiando de maneira diferente entre territorios”. Estas circunstancias provocan que os métodos clásicos de predición deixen de funcionar, polo que os investigadores previron cambios de estratexia. Entón empezaron a analizar cales eran as diferentes respostas da cidadanía ante a pandemia, medindo estas respostas a través das manifestacións que se ían vertendo nas redes sociais, coa fin de detectar como de proclive era a sociedade a cumprir as normas.

Por outro lado, os investigadores atopáronse co problema de que os datos públicos que se ofrecían nun primeiro momento non coincidían coa realidade, como os relativos ao número de persoas infectadas, número de falecidos… Así, tiveron que botar man dunha terceira estratexia, denominada “modelado dinámico empírico”, que lles permite coñecer o avance da pandemia sen a utilización de ecuacións.

Nestes intres o equipo da Universidade de Santiago avanza na elaboración dun mapa de risco da Covid-19 no Estado, centrándose nas vías de comunicación: estradas, autoestradas, portos, aeroportos... “Trátase de determinar que zonas son máis sensibles á pandemia en función da súa posición xeográfica e das súas vías de comunicación” -indica o catedrático Jorge Mira-.

Ademais, en colaboración con investigadores portugueses, están a buscar o control óptimo da pandemia, anticipándose ás consecuencias que as decisións políticas poden ter sobre a evolución da mesma, é dicir, como evolucionaría a pandemia se se toma unha ou outra medida.

Este proxecto conta co apoio do programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC.