Investigan como homicidio imprudente a morte do vigués agredido no concerto de Karol G

A agresión aconteceu tras o concerto de Karol G en Madrid (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
Fontes próximas á familia sinalan que non foi "unha discusión nin un malentendido", senón un ataque "moi violento, brutal e totalmente gratuíto".

A morte do vigués de 42 anos golpeado tras o concerto de Karol G é obxecto de investigación xudicial. Así o confirmaron fontes próximas á familia da vítima que aseguran ademais que se trata dunha agresión "brutal e gratuíta".

Juan, natural de Vigo aínda que con residencia en Madrid, onde traballaba en banca, asistiu ao último show que a cantante colombiana ofreceu na capital do Estado español esta pasada segunda feira xunto a un grupo de amigos. Ao saír do estadio Santiago Bernabéu, o falecido fixo unha videochamada á súa parella para mostrarlle o ambiente do concerto, que previamente comentara con ela, segundo explican as fontes.

Foi nese momento, ao redor da unha da madrugada, na confluencia das rúas Padre Damián con Alberto Alcocer, cando catro mozas que estaban no plano da videochamada comezaron a increpalo porque pensaban que as estaba gravando sen o seu consentimento, sinalan. Tal e como puido ver a noiva do falecido polo móbil, este achegouse a elas para desculparse e explicarlles que o que estaba a facer era unha videochamada.

Nese punto, segundo indican as fontes, achegouse un mozo de 33 anos que se encarou con Juan, preguntándolle por que grava á súa noiva e dirixíndolle insultos de diversa índole até que lle propinou unha puñada á vítima, que caeu ao chan, aseguran persoas achegadas, xa "inconsciente".

Tras o ocorrido, até o lugar acudiron sanitarios do Samur-Protección Civil, que comprobaron que a vítima sufría un traumatismo cranioencefálico severo con otorraxia esquerda. Foi intubado e trasladado hemodinamicamente estábel con aviso previo ao hospital da Paz, onde ingresou en estado moi grave. Sobre as 15.30 horas da terza feira notificouse o seu falecemento na Unidade de Coidados Intensivos.

Investigado por homicidio imprudente

Axentes da Policía Municipal de Madrid, que regulaban o tráfico a poucos metros do sucedido tras o concerto decorrido no Bernabéu, realizaron unha primeira asistencia e detiveron o agresor, que se enfronta agora a un delito de homicidio imprudente.

O Grupo VI de Homicidios da Policía Nacional de Madrid encárgase da investigación. As fontes consultadas confirman que a noiva do falecido xa declarou. Terán que facelo tamén as mozas participantes na discusión e outras testemuñas.

A familia avanza que interporán denuncia e insiste en que, tal e como queda rexistrado na videochamada, non se produce "ningunha loita nin pelexa" e que a propia vítima descúlpase e trata de aclarar o que estaba a ocorrer antes de que o agresor interviñese.

Á espera da autopsia, confían nas cámaras de seguridade da zona e nas testemuñas presenciais, ademais de na propia declaración da noiva da vítima, capaz de identificar o grupo ao permanecer a videochamada conectada durante a agresión. Precisamente este extremo demostra para a familia que non foi "unha discusión nin un malentendido", senón un ataque "moi violento, brutal e totalmente gratuíto".