Investigan un intento de submisión química por 'picada' a unha moza en Compostela
Os feitos aconteceron na noite do sábado ao domingo.
A Policía española investiga un suposto intento de submisión química a través dunha 'picada' a unha moza a pasada fin de semana en Compostela.
Segundo informan fontes oficiais, o suceso ocorreu na noite do sábado ao domingo no Ensanche da capital galega.
A muller atopábase "aparvada" e avisou á Policía Local, tras o que foi derivada ao Hospital Clínico, tal e como marcan os protocolos para estes casos.
Con todo, até esta segunda feira non se presentou ningunha denuncia por estes feitos, tal e como confirman as mesmas fontes.
A pesar desta circunstancia, o caso foi remitido á Policía española e a súa Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) abriu dilixencias de oficio para determinar se, efectivamente, se trata dun intento de submisión química.