O investimento da Xunta en dependencia é 20,8% inferior á media das comunidades do Estado

Miguel Santalices, Rosa Celia Otero e Manuel Pérez onte no Parlamento da Galiza.

O presidente do Consello Económico e Social da Galiza (CES), Manuel Pérez, fixo onte entrega ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, da Memoria sobre a situación económica e social da Galiza 2023. O documento é sumamente critico coas políticas do Goberno galego en materia de dependencia.

A Memoria sobre a situación económica e social da Galiza é un relatorio preceptivo de carácter anual elaborado polo Consello Económico e Social, un órgano consultivo do Goberno galego, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño. A entidade está composta por 12 representantes das organizacións sindicais, outras 12 da asociación empresariais e 13 propostas por colectivos e institucións de diversa índole, como as tres universidades galegas.

O relatorio, aprobado por unanimidade polo pleno do CES, amósase moi crítico cos políticas da Xunta da Galiza no ámbito do benestar. Así, alerta do baixo investimento do Goberno galego en dependencia, sinalando que “a media do gasto público por persoa dependente en 2023 na Galiza foi de 4.856,6 euros o que implica una maior diferencial coa media estatal (6.131,6 euros), coa que existe unha diferenza de 1.278,8 euros por dependente/ano e un diferencial de 20,8%”.

O informe do CES avanza que os tempos de agarda para a resolución dun expediente de dependencia sitúanse na Galiza en 362 días. Malia que a Lei de Dependencia aprobada en 2006 recolle na súa disposición final primeira que "o prazo máximo, entre a data de entrada da solicitude e a de resolución de recoñecemento da prestación de dependencia será de seis meses independentemente de que a Administración competente estabelecese un procedemento diferenciado para o recoñecemento da situación de dependencia e o de prestacións”, os prazos nunca se cumpriron no país.

O documento pon o foco na situación dos equipamentos destinados á asistencia a maiores e dependentes, onde as cifras do país están moi por baixo da media estatal e europea, debuxando unha gran debilidade do sistema de benestar, tamén, patente no estado dos servizos de dependencia. Nesta liña, advirte da reducida porcentaxe de prazas de titularidade pública nas residencias de terceira idade, o que compromete a súa universalidade e priva do acceso a este servizo aquelas persoas cunha menor renda.

A Memoria sobre a situación económica e social da Galiza destaca que “Galiza conta cun total de 416 residencias, das que máis da metade son residencias privadas (217 residencias; 52%) e 107 son de iniciativa social (25,7%), sendo 22% restante residencias públicas (92 centros)”. Ao tempo, sinala “no que ao número de prazas se refire, as 416 residencias ofertan un total de 23.645 prazas”, das que 45,4% (10.747 prazas) son privadas, 31,9% (7.536 prazas) son de iniciativa social e 22,7% (5.362 prazas) son públicas.

As cifras fornecidas polo relatorio do CES non recollen que porcentaxe de prazas de residencias de titularidade pública son de xestión privada. Porén, o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), organismo dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 sinala que 2.562 prazas das 5.362 de titularidade pública son de xestión privada. Outro tanto acontece coas denominadas prazas de iniciativa social, propiedade na súa maior parte de institucións ligadas á igrexa católica.  

Unha situación análoga dáse nos centros de día. A este respecto, o informe do Consello Económico e Social desvela que a Galiza contaba en 2023 "con 253 centros de día que ofertan un total de 9.744 prazas. Ao igual que acontece no caso das residencias, predominan os centros privados, que representan en torno á metade dos centros e prazas (124 centros e 5.076 prazas ofertadas)”.

Os fondos destinados a dependencia nos orzamentos galegos de 2024 avanzan un novo recorte no servizo. Así, a  partida para a promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia caeu 19,4%, pasando de 75 millóns de euros en 2023 a 60,5 millóns en 2024. Na mesma liña, nas contas públicas deste ano a partida destinada á Renda e Inserción Social Galega (Risga) reduciuse en 11,5%, ficando en 46,1 millóns de euros, malia que a contía da renda de inserción galega era a máis baixa do Estado en 2023