O investimento en I+D no Norte de Portugal duplica o da Galiza

laboratorio I+D investigación

Ambos os dous fican por baixo da media europea.

O Norte de Portugal continúa a manter unha aposta máis firme polo I+D que a Galiza, tal e como recolle o informe do Consello Económico e Social (CES) a partir da análise dunha serie de datos e a súa comparación coa media das rexións europeas.

O investimento total en I+D en relación ao PIB e o peso relativo do gasto empresarial sitúase na Eurorrexión formada pola Galiza e o Norte de Portugal por baixo do conxunto da UE, presentando en ambos os dous parámetros a rexión norte de Portugal unha mellor situación relativa.

Dunha parte, o esforzo investidor acada na rexión norte de Portugal 2% fronte a 1,1% na Galiza, dato que se sitúa lonxe da media de 2,2% que se inviste na Unión Europea. Comparado co resto das 196 rexións europeas analizadas, a Galiza sitúase neste campo -investimento en I+D- no posto 114 fronte ao 50 no caso portugués.

Doutra parte, o gasto empresarial en actividades de I+D representa na Galiza 50,5% do gasto total nese campo, quince puntos e medio menos que na UE, o que a sitúa como a rexión 112 de 174 analizadas con maior porcentaxe, acadando 64,3% no norte de Portugal (posto 74).

Patentes

Aliás, no que ás patentes se refire, tanto no caso do número de patentes por millón de habitantes como patentes por investigador en actividades de I+D no sector privado, a Eurorrexión está moi lonxe da media europea, constata o CES.

En concreto, na Galiza conta con 14,8 patentes por millón de habitantes (posto 121 de 195 rexións consideradas) fronte ás 24,9 do norte de Portugal (posto 102) cando en Europa este indicador é de case cen patentes por millón de habitantes (99,6 patentes).

Ademais, no caso das patentes no eido empresarial, a media trienal de patentes por investigador I+D na Galiza é de 13,8 fronte ás 10,3 da rexión portuguesa e as 42,3 patentes na UE (postos 112 e 129 de 195 rexións europeas respectivamente).

O informe do CES en I+D na Eurorrexión parte do estudo de de Orkestra, Instituto Vasco da Competitividade, observando os datos correspondentes a Galiza e ao Norte de Portugal, así como a súa posición relativa no conxunto das rexións europeas analizadas.

Un estudo da UE en 2023, Regional Innovation Scoreboard (Índice de Innovación Rexional), indicaba que se ben en 2019 a Galizaocupaba o posto 136 en innovación entre 234 rexións europeas, en 2022 estaba de 155. Un descenso de 19 postos en apenas tres anos. Pola contra, e nese mesmo período comprendido entre os anos 2019 e 2022, o Norte de Portugal avanzaba de maneira considerábel. Pasaba de estar no posto 175 en innovación en 2019 —case 40 posicións por detrás da Galiza— a estar agora de 82 —73 por diante—. 

O Regional Innovation Scoreboard é un estudo no que se analiza a capacidade e realidade innovadora das rexións da UE e que clasifica as mesmas en base a 17 indicadores: desde o emprego ligado a I+D até o número de patentes rexistradas ou de persoas con doutorado, pasando pola análise do tecido empresarial ou mercado laboral, a sanidade e tamén a educación. A Galiza ten 87,9 puntos, correspondendo o valor 100 ao conxunto da UE, o que supón atoparse a 12 puntos da media europea.