As relacións políticas de 'Mi Casa'

O irmán do xerente do Consorcio Galego de Benestar é apoderado da empresa propietaria da residencia denunciada de Pazos de Borbén

Alfonso Rueda, Ana Pastor e a copropietaria da residencia Mi Casa de Pazos de Borbén, Lucía Pedroso.

Lucía Pedroso Suárez é mais coñecida polas súas responsabilidades como directiva da patronal pontevedresa que polos seus propios negocios. Porén, a directora da residencia. Mi Casa de Pazos de Borbén -denunciada ante a Xunta con acusacións por malos tratos- é socia en diversas empresas do sector da dependencia e participa do capital doutros dous centros de maiores.

 

A residencia Mi Casa de Pazos de Borbén é a matriz dos negocios de Lucía Pedroso. O centro de maiores, coñecido pola denuncia por maltrato presentada por Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) e Vellez Digna, é un negocio familiar fundado polos proxenitores de Pedroso, quen dirixe o xeriátrico desde a morte do seu pai no ano 2000.

O centro está en funcionamento desde 1998 e conta con 55 prazas, 22 delas subvencionadas polo Goberno galego a través dun concerto. A residencia foi propiedade da mercantil Rapesua SL, con enderezo en Pazos de Borbén, participada por Lucía Pedroso e o seu irmán Enrique. A referida sociedade tivo como apoderado no seu momento a Ángel Rodríguez Muíños, un habitual nas empresas de Pedroso.

Os irmáns Ángel e Perfecto Rodríguez Muíños

Ángel Rodríguez Muíños, titular da xestoría San José en Ponte Caldelas é fillo dun antigo alcalde popular, Fidel Rodríguez Toubes, que se mantivo á fronte do concello entre 1979 e 2003. Rodríguez Toubes foi substituído no cargo polo seu fillo Perfecto, quen ocupou a responsabilidade entre 2003 e 2015. Actualmente Perfecto Rodríguez Muíños, irmán de Ángel, é xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, unha empresa pública dependente da Consellaría de Política Social, con competencias en materia de centros de maiores.

Ángel Rodríguez Muíños, por exemplo, é apoderado de Diacopevi SL, a sociedade propietaria do centro de maiores de Ponte Caldelas, un equipamento con 12 prazas para internos e servizo de centro de día. A socia de Lucía Pedroso neste proxecto é Bibiana Rojas Nazar, que partilla coa anterior participación noutras sociedades.

Ponte Caldelas

A orixe do centro de maiores Ponte Caldelas remóntase a 2005. Naquela altura, o grupo de desenvolvemento rural (GDR) da comarca de Pontevedra, cuxo secretario era  Perfecto Rodríguez Muíños, aprobou unha axuda para Diacopevi. A mesma subvencionou 37,75% do investimento total para erguer o equipamento, cuxo custo cifraron os promotores en 287.000 euros.

Bibiana Rojas Nazar é a directora do mesmo e exerce como traballadora social na residencia de Pazos de Borbén. A denuncia presentada ante a Consellaría de Política Social por Traballadoras das Residencias da Galiza (Trega) sinálaa pola súa responsabilidade no acontecido en Mi Casa.

O conglomerado empresarial de Lucía Pedroso Suárez tamén conta cunha residencia na localidade de Poio. O centro de nova creación está xa en boca da veciñanza polas condicións laborais dos traballadores e pola calidade do servizo aos usuarios. Algúns empregados consultados por Nós Diario non dubidan en denunciar a súas condicións de traballo.

Pedroso e Rojas partillan negocios alén do ámbito das residencias. Neste caso son titulares de sociedades dedicadas á prestación da axuda no fogar. Unha delas é Saluvi, que xestiona o servizo en diversos concellos das comarcas pontevedresas.

Bibiana Rojas

Pedroso y Rojas SL é outras das mercantís da que fan parte Lucía Pedroso e Bibiana Rojas. A sociedade con enderezo na rúa Marquesa de Pontevedra ten dentro da súa razón social a asistencia en centro sociais non residenciais, os cursos de formación e a prestación de catering. A administradora única da compañía é María Elena Uzal Baños.

Lucía Pedroso e Bibiana Rojas tamén coincidiron con Ángel Rodríguez Muíños nesta empresa. E precisamente Ángel, irmán do antigo alcalde de Ponte Caldelas e actual xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, desenvolveu a responsabilidade de apoderado desta sociedade entre 2007 e 2020.

Ángel Rodríguez Muíños é tamén apoderado desde agosto de 2020 de Gerpesa Social, cuxo único titular é Rapesua SL, a empresa dos irmáns Pedroso Suárez. A compañía ten o seu enderezo social en Poio, concretamente no mesmo inmóbel onde se localiza a residencia do grupo.

Política Social

Fontes da Consellaría de Política Social consultadas por Nós Diario recoñecen a relación mercantil entre Lucía Pedroso e Ángel Rodríguez Muíños. Porén restan importancia á mesma por considerala normal entre o propietario dunha xestoría e doutra empresa.

As conexións da directora da residencia de Pazos de Borbén

Lucía Pedroso presume de contactos e se cadra non lle falta razón. Unha panorámica polas súas redes sociais ou polos medios de prensa permite observala ao carón do actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e da deputada popular Ana Pastor. Ao tempo, tamén aparece en información institucional canda ao vicepresidente primeiro e responsábel económico do Goberno galego, Francisco Conde.

Algunhas destas imaxes, proceden da súa época como presidenta dos xoves empresarios de Pontevedra, onde Pedroso conseguiu certa notoriedade. Empregadas desta empresaria sinalan a Nós Diario que Pedroso se considera "intocábel" grazas aos seus contactos, até o punto de que tería afirmado que as inspeccións de Política Social "non poden nada contra min".

Sexa como for, tras certificarse nunha inspección en 2017 a presenza de máis residentes dos autorizados no xeriátrico de Pazos de Borbén, a Xunta da Galiza seguiu concertando prazas nas súas residencias, subvencionando nesa de Pazos até 22. Pedroso ten afirmado que desde nena o seu ídolo foi o empresario pontevedrés Magín Froiz. Porén, a súa traxectoria garda máis semellanzas coa directiva de DomusVi, Josefina Fernández.