"Isto é un caos": Fai augas o seguimento e rastrexo de positivos e contactos

Test de antíxenos da Covid (Foto: Jesús Hellín/Europa Press).
"Descoordinación", "caos" ou "ineficacia" son algúns dos cualificativos usados por persoas que tendo síntomas da Covid ou sendo contacto estreito dun positivo tentaban seguir o novo protocolo que se aplicaba na Galiza en relación ao coronavirus. O Sergas recoñece agora que "non é eficiente"e varíao.

2021 despediuse cunha mudanza nos protocolos de actuación en relación ás persoas contaxiadas da Covid-19. Na Galiza, unha das novas medidas é a aceptación do test de antíxenos para notificar un contaxio. Se unha persoa dá positivo debe comunicalo o antes posíbel á central que atende as incidencias relacionadas coa Covid-19, o número 881 540 045.

Para moitas persoas, aí empeza un camiño no que ao virus deben engadir doses de paciencia para facer fronte ao "quebracabezas". Ana Costas relata a Nós Diario a súa "desesperación" xa que, afirma, "cada vez que me chaman é para me dicir unha cousa diferente".

"Descoordinación"

O 29 de decembro quixo notificar ao 881 540 045  que era contacto cun positivo: "Non me colleron" mais si puido notificalo a súa parella, tamén contacto dese positivo. O 31 fixo a proba PCR cuxo resultado lle deron o 3 de xaneiro, mais "hoxe [por onte, día 5] veño de recibir un SMS notificándome que era contacto estreito dun positivo co que estivera o día 3. E eu levo confinada desde o 29".

"Os rastrexadores mándanme chamar ao centro de saúde e do centro de saúde aos rastrexadores" quéixase Luis Pérez, que afirma que leva "toda a mañá" para intentar "que alguén me aclare algo, porque uns din que a PCR é necesaria e outros non".

"Non nos descarga traballo"

Álvaro Lamas, médico de Atención Primaria na área sanitaria de Vigo, recoñece a Nós Diario que se vive nunha situación de "caos" e "confusión". Apunta, a respecto do citado número de teléfono, que "nunca soubemos moi ben quen está nas centrais de rastrexo" e afirma que pacientes seus dixéronlle que ao chamar a ese número "remitíannos aos centros de saúde", cando se xustificaba este novo protocolo como medida para "aliviar" a presión sobre a Atención Primaria. "Ou dinlles cando chaman que xa están rexistrados e non é así", denuncia.

Para Lamas a situación actual deriva dunha realidade que é "innegábel": o servizo de Atención Primaria "está desmantelado" polas políticas sanitarias aplicadas nestes anos. Iso obriga o Sergas, apunta, a procurar "parches" que nunha situación de extensión da pandemia actual non funcionan.

As redes sociais son estes días unha especie de ágora onde plasman as súas controversias co novo protocolo numerosas persoas. A ex deputada socialista no Parlamento galego Patricia Vilán denunciaba que levaba "máis de 12 horas" sen que a atendan no teléfono de información da Covid habilitado pola Consellaría. "E aínda estamos agardando polos rastrexadores e a PCR", indicou.

Sanidade recoñeceu onte que co elevado número de casos "non é eficiente" o rastrexo e decidiu activar máis medidas para reducir a presión na Atención Primaria

Óscar Blanco explicou a este medio como estando na mesma situación que a súa compañeira, os rastrexadores fixaron para el unha corentena até o 7 deste mes e á súa parella até o 9. 

Formulario, sen resposta

Lois Lopes, ao dar positivo por antíxenos, optou por recorrer a unha vía diferente á da chamada ao teléfono 881 540 045. "Eu notifiquei o pasado 31 de decembro que dera positivo a través do formulario existente na páxina web do Sergas para esa finalidade. A día de hoxe [5 de xaneiro] non me chamou ninguén. Así que vou ter que chamar ao centro de saúde para falar co médico. Para que serve entón o formulario?", pregúntase. 

Unha escolla, a do formulario, pola que optan algunhas persoas ante as "dificultades" para ser atendidos por momentos no 881 540 045: "Máis de dúas horas de contestador automático", quéixase Blanca González, que cando logrou ser atendida "non me deron cita PCR malia ser contacto estreito dun positivo".

Externalizar por 14 millóns de euros

O pasado verán a Xunta da Galiza optou por externalizar o servizo de rastrexadores nunha empresa privada. O proceso fechouse coa empresa Abai como gañadora, unha decisión que motivou queixas e sospeitas pois, sinalouse entón, a proposta era tecnicamente peor que a competencia, pero máis barata. A compañía Abai Group fíxose co contrato de 14 millóns e opera a través da súa empresa subsidiaria Extel.

Segundo cálculos de Comisións Obreiras, por volta de 500 teleoperadores estarían actualmente cubrindo o servizo de atención e rastrexo, número que se presume insuficiente ante a avalancha de contaxios e casos positivos que nestes días se está a rexistrar na Galiza. 

De aí que a empresa ande á procura de incorporar "con urxencia" cen traballadoras e traballadores máis.

O Sergas introduce cambios no protocolo

Sanidade recoñeceu onte que co elevado número de casos "non é eficiente" o rastrexo e decidiu activar máis medidas para reducir a presión na Atención Primaria. Así, as cidadás e cidadáns con síntomas poderán solicitar unha proba para detectar a Covid-19 sen necesidade de contactar co seu centro de saúde a través do teléfono 881 540 045, no que tamén poderán comunicar o positivo obtido nun autotest. Ademais, a partir dos próximos días, poderase informar deste resultado mediante unha páxina web habilitada pola Consellaría, e permítese ademais notificalo nas oficinas de farmacia nas que se realice a proba.

"Non é eficiente facer unha chamada a todos os contactos. Se estamos a falar de 5.000 casos ao día, cada caso xera entre 4,8 e 5,2 contactos, polo que estariamos a falar 25.000 contactos", recoñeceu a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.