Director do Instituto Nacional de Oceanografía

Javier Ruiz, IEO: "Pretendemos reforzar o labor científico do Instituto de Oceanografía"

Javier Ruiz no seu despacho. (Foto: IEO)
A absorción do Instituto de Oceanografía polo CSIC garantirá unha xestión máis eficiente das sedes na Galiza (Vigo e A Coruña). Asegúrao Javier Ruiz, o director do IEO. Ante a preocupación da flota galega, subliña que o asesoramento do século XXI non vai ser o mesmo que o do XX en termos de sustentabilidade.

Como se chegou ao punto de que o Instituto Nacional de Oceanografía precisase dunha absorción por parte do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC)?
A integración do Instituto Nacional de Oceanografía (IEO) no CSIC era unha alternativa que se pensara moitas veces porque ten moito sentido desde o punto de vista científico e tamén por un mellor asesoramento. Após as dificultades que tivo na última década, tanto de recursos como de adaptación ás regras de funcionamento da Administración pública, decidiuse que esta era a mellor opción.

Que cousas van mudar?
A partir da integración contaremos cun corpo de persoal suficiente e cualificado, o que permitirá facer ciencia e asesoramento de calidade. A incorporación ao CSIC é beneficiosa nese sentido, pois é un organismo que foi capaz de evitar o desaxuste, e a carga administrativa que implica que o traballo científico se faga de forma eficiente. 

Esa decisión vai implicar feches de sedes ou despedimentos de persoal?
A resposta é negativa: así quedou claro na carta que o ministro enviou ao persoal do IEO. O que se pretende, precisamente é reforzar o labor científico e de asesoramento do persoal dos diferentes centros, dotándoos dunhas ferramentas de xestión máis modernas que liberen de obstáculos a súa capacidade de xerar coñecementos sobre o mar e os seus recursos. Ante un escenario no que as e os investigadores atopen unha máquina administrativa máis eficiente cabe esperar que incrementen a súa capacidade de conseguir e executar recursos.

Nas sedes galegas, en Vigo e na Coruña, hai unha preocupación sobre a posibilidade de seguir traballando nas mesmas liñas. Van recortar fondos ou modificar o tipo de estudos tratados?
Resulta evidente que o problema para seguir traballando era seguir funcionando como se fixo até agora, sen tratar os problemas de fondo que tiña o IEO na xestión da investigación. Nas diversas comunicacións que puiden manter coas traballadoras e traballadores, non detectei esa preocupación, xa que o obxectivo é xustamente o contrario, é dicir, que todo o cadro de persoal siga a traballar nas mellores condicións. 

Entón, a situación non mudou en nada?
O novo equipo e o apoio financeiro do Ministerio están permitindo comezar a desbloquear a situación e que os profesionais dos centros poidan facer os labores cos que estaban sen atoparse con trabas administrativas e de xestión. Aínda queda moito traballo para normalizar a situación mais ese é o camiño que se está a percorrer.

Os intereses do IEO e do CSIC distan moito?
O CSIC é un organismo de investigación cun enfoque moi amplo que pode tratar desde biomedicina a astronomía, e tamén a investigación mariña. O IEO é un organismos de investigación sectorial centrado no mar e nos seus recursos. Existe a concepción moi equivocada de que o CSIC só fai ciencia e o IEO só asesoramentos. Sen ir máis lonxe, durante a miña etapa no CSIC, eu mesmo coordinei estudos como o do estuario do río Guadalquivir que condicionaron a toma de decisións sobre un territorio tan importante como o Espazo Natural de Doñana. A combinación de ciencia e asesoramento produce a miúdo grupos de investigación potentes e avances importantes no coñecemento. 

Porén, a frota galega non confía nos efectos que poida ter sobre ela esta absorción...
Entendo que a frota puidese estar preocupada se se deixase continuar a situación como estaba e non se implementasen os mecanismos de corrección que se están a completar. As medidas que anunciou o Ministerio garanten a continuidade dos estudos e ningún impacto sobre eles a curto prazo. 

A axuda e apoio ás pescarías seguirá a ser a mesma?
O sector ten que ter presente que o asesoramento pesqueiro do século XXI será diferente ao que se realizaba no século XX. A sociedade cada vez exíxenos máis sostibilidade e, no caso da pesca, estamos nun proceso de evolución cara á sustentabilidade do stock que se explota. É dicir, ter unha visión ecosistémica da pescaría. Esta visión só se pode construír desde a xeración de coñecemento científico novo, de aí a importancia de integrar ciencia e asesoramento.