Xustiza

Jenni Hermoso presenta unha denuncia contra Rubiales

A futbolista Jenni Hermoso. (Foto: AFP7 / Europa Press)
Hermoso presentou a "denuncia expresa" a terza feira 5 de setembro e a Fiscalía da Audiencia Nacional presentará querela o máis axiña posíbel.

A xogadora da Selección Española Jenni Hermoso declarou ante a Fiscalía Xeral do Estado (FXE) e formalizou a súa denuncia contra o agora suspendido presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, polo bico na boca que lle deu na entrega de trofeos do Mundial de Australia. Tal e como avanza ElDiario.es, Hermoso presentou a "denuncia expresa" a terza feira 5 de setembro e a Fiscalía da Audiencia Nacional presentará querela o máis axiña posíbel.

Foi o pasado 28 de agosto cando a Fiscalía da Audiencia Nacional decidiu abrir dilixencias de investigación preprocesuais en relación a ese feito ao entender que podería ser constitutivo dun delito de agresión sexual.

Ademais, nese mesmo decreto, a tenente fiscal, Marta Durántez, anunciaba que se dirixiría á xogadora da absoluta para ofrecerlle emprender accións legais.

Este paso da Fiscalía producíase á vista das "manifestacións públicas" realizadas pola xogadora, das que deducía que sostiña que o acto sexual sufrido pola mesma e levado a cabo por Rubiales non foi consentido. "Atendido o momento extraprocesual no que nos atopamos e o inequívoco das súas declaracións, é preciso determinar a transcendencia xurídica das mesmas", apuntaba Durántez.

A Fiscalía

O decreto da tenente fiscal chegou tras coñecerse que a FXE e a Fiscalía Provincial de Madrid remitiran á Audiencia Nacional as diferentes denuncias presentadas contra Rubiales -suspendido do seu cargo pola FIFA- por particulares e asociacións polo bico á xogadora, dado que o asunto, ao ocorrer fóra de territorio español, é da súa competencia.

A tenente fiscal recollía ademais no seu decreto un textual das declaracións públicas realizadas pola xogadora da absoluta nas que aseveraba que o bico "nin moito menos [...] foi consentido" e que sentiu "vulnerábel e vítima dunha agresión".