Juan Bello, profesor: "Desprezar o medio natural sobre-explotando os recursos non leva a un futuro viábel"
En que consiste e cal é a función do Módulo Bioclimático "A Vieira"?
A Vieira é un recurso didáctico experimental para o aprendizaxe de principios fundamentais de deseño bioclimático e bioconstrución. O deseño, a orientación, as solucións construtivas e os materiais empregados fan posíbel unha construción que, practicamente, non precisa calefacción no inverno, aire acondicionado no verán nin deshumidificador en todo o ano.
Bioclimática é a disciplina que estuda como climatizar as edificacións con recursos naturais como o sol, o vento, a auga ou a terra, e bioconstrución é a forma de construír respectuosa coa vida das persoas, do entorno e do planeta; en resumo, construír respectando a saúde e o ambiente. A Vieira é resultado do proxecto de innovación na FP "Recursos didácticos para la construcción bioclimática" premiado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no que participaron xunto co CIFP Someso da Coruña outros dos centros de FP de Euskadi e outras tres organizacións de diferentes lugares do Estado español.
A realización material é a fase práctica do curso internacional "Ecological Building with straw bales in Vocational Training" (Construción ecolóxica con balas de palla na FP) con profesorado, alumnado e especialistas da Galiza, Berlín, Brandenburgo e Letonia.
De que maneira se podería popularizar a bioconstrución na sociedade, espallar a súa presenza no territorio?
A través dun proceso educativo en todos os niveis: as persoas teñen que coñecer da súa existencia e das súas características para demandalo, os técnicos teñen que formarse axeitadamente para incorporalo nos seus proxectos e propostas, as e os profesionais teñen que estar preparados para a súa materialización, as administracións teñen que recoñecer as súas vantaxes para incorporalo no desenvolvemento dos territorios... A función actual da Vieira é a divulgación, un recurso público visitábel que recibe unhas 50 visitas por curso nos últimos anos.
No ámbito da formación profesional, na que traballo, preséntanse numerosas oportunidades de especialización. Tomando a Vieira de exemplo, a estrutura é de madeira, os fechamentos son de palla cun elevado nivel de illamento, a súa cara interior está cuberta con morteiro de barro e a exterior leva dúas capas de barro e dúas de cal hidráulica, as pinturas e vernices son transpirables e libres de tóxicos, o illamento da cuberta é de cortiza e o teito é un xardín. O chan está feito cun formigón experimental con cunchas de mexillón. A electricidade é solar...
Cales son os verdadeiros "inimigos" da bioconstrución?
Non me gusta falar de inimigos, prefiro pensar nun feito evolutivo. No século XX, fundamentalmente, deuse prioridade a un desenvolvemento tecnolóxico orientado a "dominar" a natureza, ignorando que o ser humano tamén forma parte dela, somos unha especie máis. Desprezar o medio natural sobre-explotando os recursos e xerando toxicidade en múltiples dimensións non leva a un futuro viábel.
A construción, como calquera outra disciplina, ten que incorporar a sustentabilidade como unha compoñente esencial. Xa hai exemplos interesantes e, sen dúbida, é unha tendencia en crecemento. O desexábel sería que esta evolución fora áxil para contribuír axeitadamente na loita contra a crise climática.
A bioconstrución fai "casas sas e ecolóxicas", pero a maioría da xente non é deste sector, mais mudando unha vogal pódense facer "cousas sas e ecolóxicas" e con iso bioconstruír todas as especialidades profesionais. Entón, a cousa cambiaría.