Entrevista

Juan Gestal: "A mpox non é a Covid, é unha doenza que se transmite por contacto, de difusión lenta e máis fácil control"

Juan Gestal é profesor emérito da USC. (Foto: Nós Diario).
No ano 2022 un surto masivo de mpox sorprendeu as autoridades sanitarias fóra de África. Entón declararon unha emerxencia de saúde pública global que se repite dous anos despois. As infeccións continúan e cobran forza. 'Nós Diario' conversa sobre a situación actual co profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública Juan Gestal.

—Que é a mpox e que momento atravesa o surto que obrigou a declarar unha nova emerxencia global?
Estamos ante unha enfermidade exantemática que coñecemos desde 1970, cando tivo lugar o primeiro caso humano nun lactante de 9 meses na República Democrática do Congo (RDC). Entón estábase no final da Campaña de Erradicación da Varíola, que se acadou en 1977. A aparición deste novo orthopoxvirus fixo temer que puidese ocupar o nicho ecolóxico que ía deixar o virus da varíola, mais iso non ocorreu.

Produce unha doenza exantemática con lesións na pel, unhas vesículas cuxo líquido é o material contaxioso. O paciente é contaxioso desde que rompen as vesículas até que secan as costras e se forma a nova pel. Nos inicios da enfermidade tamén pode afectar a gorxa posibilitando a transmisión por saliva e gotas.

En 2022 produciuse unha difusión masiva a nivel mundial da mpox. O núcleo central da transmisión eran homes que tiñan relacións sexuais con homes. As lesións na pel estaban en moitos casos na zona perianal, nas inguas ou na zona peribucal. O Estado español foi un dos países mais afectados (o terceiro do mundo con máis de 8.100 casos, tras EUA e Brasil). A OMS declarou entón unha emerxencia de saúde pública de alcance internacional que retirou en maio de 2023 ao diminuír moito a incidencia.

O pasado 14 de agosto, a OMS volveu declarar unha nova emerxencia de saúde pública debido ao incremento importante de casos no centro de África (fundamentalmente na RDC) con 15.000 casos rexistrados e 461 mortes ao longo de 2024, o que supón un aumento do 160% nos diagnósticos e un 19% nos falecementos con respecto ao mesmo período do ao anterior. Esta vez os casos están provocados por un novo clado, o I, que é máis transmisíbel e presenta unha maior letalidade (3% fronte ao 0,2% da clado IIb), que está afectando de xeito moi importante, a menores de 15 anos (70% dos casos) e menores de 5 (39%), que teñen catro veces máis risco de morrer que os adultos (62% de todas as mortes até o pasado mes de maio).

De momento salvo o caso rexistrado e notificado en Suecia, fóra de África, tanto no Estado español e como na Galiza, os casos que ocorren están producidos polo clado IIb, pero é posíbel que así como chegou este clado no ano 2022 tamén chegue o Ib.

—Como se propaga a doenza?
Transmítese por contacto pel con pel ou pel con mucosas con persoas infectadas; o tocalas, bicalas ou mantendo relacións sexuais; tamén por contacto con obxectos contaminados, como a roupa de cama, vestidos ou toallas, ou por pincharse con agullas contaminadas. As mulleres embarazadas poden transmitir o virus ao feto. O contaxio tamén pode producirse por contacto con animais infectados, principalmente monos, esquíos e outros roedores, ao esfolalos ou cociñalos. Tamén existen reservorios animais desde os que pode transmitirse ás persoas por contacto, para despois producirse a transmisión interhumana. Isto é o que ocorreu en lugares do centro de África, como a RDC, onde é endémica, e tamén, aínda que menos, na costa oeste africana, en Nixeria, por exemplo, producindo uns poucos casos, fundamentalmente en nenos.

—Quen fan parte dos grupos de risco?
As persoas que poidan ter contacto moi próximo con persoas infectadas, como os contactos sexuais, en especial os homes que teñen sexo con homes, e as que conviven con outras infectadas, especialmente nenos. As persoas inmunodeprimidas, como as VIH+, teñen maior risco de infectarse e de sufrir formas máis graves, ademais das xestantes e as crianzas.

—Tan importante como o diagnóstico e o tratamento é a prevención, onde as vacinas xogan un papel fundamental. Que medidas se poden tomar?
Para as persoas con prácticas de risco e aquelas que poidan ser contactos doutras infectadas disponse de vacinas que teñen unha efectividade elevada tanto na prevención primaria, antes da exposición, como tras dela, idealmente nos primeiros catro días, que pode evitar a enfermidade, ou antes dos 14 días, para minorar os síntomas. Incluso se poden aplicar máis tarde en persoas con risco de sufrir formas graves da doenza.

Outras medidas pasan polo illamento e a privación de contacto cos afectados até que desaparezan todas as costras, ademais de manter unha boa hixiene no contorno dos enfermos, consistente na limpeza en húmido e desinfección do cuarto no que estean e de todo o que entre en contacto cos doentes, incluída a roupa de cama e as toallas, que é preferíbel lavar en auga ben quente na lavadora.

—As persoas aludidas e interesadas na vacinación, como deben proceder?
Hai que ter en conta que non é unha vacina de uso xeral, senón tan só naqueles grupos de persoas de risco que a autoridade de Saúde Pública indique en cada momento, de acordo coa situación epidemiolóxica. Neste momento estaría indicada para persoas que poidan ter risco de exposición: que vaian ir a zonas afectadas de África e teñan conductas de risco ou risco de exposición polo seu traballo, como é o caso dos cooperantes.

Estas persoas deben consultar nos Centros de Vacinación Internacional dos Servizos de Medicina Preventiva dos hospitais. Ademais, na Galiza están a pór a segunda dose da vacina a quen recibira só a primeira no gromo de 2022.

Polo que se refire ás vacinas dispoñíbeis hainas de terceira xeración non replicantes, como a Imvanex, autorizada pola Axencia Europea do medicamento en 2013 para a prevención da varíola en maiores de 18 anos, que se aplica por vía subcutánea, dúas doses de 0,5 ml con 28 días de diferenza. En Xapón dispoñen tamén dunha de terceira xeración replicante (LC16) indicada tamén en nenos, que se aplica por escarificación da pel con agulla bifurcada, igual que a ACAM-2000 (vacina de segunda xeración) da que se dispón aquí. Todas serven para a prevención da mpox cunha unha eficacia protectora do 88-93% mesmo en prevención postexposición.

—As autoridades aseguran que hai moi poucas posibilidades de que a mpox acabe en pandemia.
Isto non é a Covid-19, unha enfermidade de transmisión aérea, senón unha enfermidade de transmisión por contacto e, por tanto, cunha difusión moito máis lenta o que facilita o seu control. Neste momento non existe motivo de preocupación para os cidadáns. O que vaia ocorrer dependerá en gran medida do que fagamos agora. Neste momento todos os países debemos prestar toda a axuda dispoñíbel aos países africanos afectados para tratar de controlar o antes posíbel o gromo, e estoume referindo en especial a facilitarlles vacinas. Tamén hai que informar sobre a enfermidade ás persoas que vaian viaxar ou procedan deses países.

Por outra parte, temos que preparar o sistema de saúde para lle facer fronte aos casos que poidan chegar, mediante vixilancia epidemiolóxica, acondicionamento dos laboratorios e dos profesionais sanitarios para o diagnóstico precoz. Ademais, hai que dispor de vacinas e de antivirus como o tecovirimat para o tratamento, sen esquecer, insisto, informar a poboación sobre a enfermidade, especialmente aos grupos de risco.