Kylian, o primeiro bebé de 2024, naceu ás 00.00 horas en Vigo

O pequeno Kylian cos seus pais, Fran e Jenny, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Javier Vázquez/ Europa Press)
O pequeno naceu no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ás 00.00 horas e pesou 3,42 kg. A segunda en nacer foi Cloe, tamén no Cunqueiro, con 2,905 kg de peso. A terceira foi Paula, na Coruña.

Kylian é o nome do primeiro bebé nado na Galiza no ano 2024. O nacemento tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ás 00.00 horas e cun peso de 3,42 kg. A súa nai e o seu pai son unha parella primeiriza do concello de Gondomar, Fran e Jenny.

A segunda en nacer en Aninovo foi Cloe, tamén no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ás 00.04 horas e cun peso de 2,905 kg. É a segunda filla dunha parella do concello de Salvaterra do Miño.

O terceiro nacemento da Galiza do ano foi Paula, ás 00.10 horas. A súa nai, Corina, deu a luz no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña e a bebé pesou 2,64 kg.

Até outubro do pasado ano a Galiza rexistrou 11.779 nacementos, o que supuña un 2,46% menos que no mesmo período de 2022, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta caída foi superior á rexistrada no total do Estado español, xa que a nivel estatal contabilizáronse 267.507 bebés até outubro, un 2,03% menos.

Só nese mes de outubro naceron na Galiza 1.315 nenos e nenas, mesma cifra que en 2022.

Pola súa banda, o INE tamén publica a estatística de falecidos, contabilizando 29.658 defuncións ata finais de novembro en Galicia, un 7,06% menos que hai un ano. A nivel nacional, esta cifra foi de 395.549 mortes, un 6,32% menos.

Por ano completo e analizado, a Galiza rexistrou o peor crecemento vexetativo do Estado en 2022, con 20.501 defuncións máis que nacementos (34.996 fronte a 14.495). A continuación situáronse Castela e León (-17.882), Andalucía (-15.995), Catalunya (-14.362) o País Valencià (-14.232), segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).