UNHA ESCOLMA DO PAPEL/VIAXES NA MIÑA TERRA

Lagoa de Cospeito, o humidal máis grande da Terra Chá

A lagoa de Cospeito foi a máis extensa da Terra Chá, ocupaba máis de 70 ha, foi desecada na década de 1960, para o aproveitamento agrícola do territorio, e recuperada parcialmente na década de 1980 polo seu valor ecolóxico e ambiental. Na actualidade ten unhas 17 ha, das que só arredor de 7 son de augas permanentes, dentro dun espazo dunhas 45 ha delimitado por un camiño duns tres quilómetros de lonxitude, polo que se fai a ruta, que é chan e está ben acondicionada.

A lagoa tivo a súa orixe, contan as lendas, no castigo ao que foi sometida a cidade de Beria, Veria, Valverde ou Nabalverde (o nome é diferente nas distintas fontes de información) por non darlle acobillo, segundo uns, a un pobre miragreiro, segundo outros, á Virxe María; e contaban os máis vellos do lugar que nas grandes secas do verán quedaban ao descuberto as partes altas das casas. A realidade é que ocupa o punto de menor altitude da zona, o lugar no que se xuntan e concentran as augas de escorrentía e de drenaxe dos arredores.

 

O motivo para visitala na actualidade segue a ser a súa singularidade e a riqueza biolóxica que acolle.

 

Ademais dunha abondante vexetación propia dos humidais (especies de plantas acuáticas e de ribeira) e das matogueiras, na lagoa de Cospeito ten unha das súas escasas poboacións o cardiño de lagoa (Eryngium viviparum), en perigo de extinción. O máis destacado é a fauna acuática, especialmente aves e insectos.

 

No verán podemos ver as especies aniñantes (galiñolas, parrulos e mergullóns, paxaros de bosque...) e sedentarias, e no inverno acuáticas e limícolas que chegan, ou pasan, fuxindo do frío do norte de Europa.

 

É un punto importante de cría de avefría, mergullón pequeno, pita de auga, demo negro...

 

No inverno aparecen grandes grupos de anátidas (lavanco real, charneco, pato cullerete, pato asubión, pato rabudo, parrulo chupón, parrulo cristado, ganso...) e limícolas (avefría, mazaricos...). Tamén son frecuentes as cegoñas e as garzas. Foi declarada Refuxio de caza en 1986 e forma parte do LIC “Parga Ladra Támoga” e da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”.

 

Accédese desde a Feira do Monte ou desde calquera dos moitos puntos de entrada que se atopan na súa contorna, pero o mellor é facelo desde a Feira do Monte e achegarse ao Centro de Interpretación, que aínda que está pechado, como case todos os de Galiza, as paredes de vidro permiten ver os paneis interiores para facerse unha idea do que podemos atopar.

 

 

 

 

 

 

 

 

Para facer o percorrido cómpre subir primeiro ao outeiro-observatorio, para ter unha visión xeral e para facerse unha composición de lugar, e logo continuar a ruta no sentido das agullas do reloxo sen deixar atrás ningún dos observatorios tanto para poder contemplar o lugar desde distintos puntos e para poder ver aos seus moradores, como para cabrearse polo trato que lle dan algúns ao que é de todos e está posto para que todos poidamos gozar máis e aproveitar mellor a nosa visita.

 

Cómpre levar prismáticos para poder ver con certo detalle as aves.

 

Este texto apareceu no Sermos Galiza 147, publicado a 9 de Outubro de 2014.