Lanzan o novo plan para loitar contra as infraccións urbanísticas

Edificación construída de maneira ilegal no Camiño de Santiago, que finalmente foi demolida. (Foto: APLU)
Os datos de actuación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Galiza baixan ano a ano, amais, o novo Plan de inspección urbanística da Xunta de 2022-2023 marca prioridades á hora de impulsar os expedientes por infraccións ou delito urbanístico, asumindo que parte destas infraccións van quedar sen castigo.

Os concellos da costa, os que posúan espazos naturais ou áreas de especial interese paisaxístico, e mailos municipios polos que pasen as rutas do Camiño de Santiago de Compostela, por esta orde, terán prioridade para desenvolver as operacións de vixilancia que contempla o Plan de inspección urbanística da Xunta de 2022-2023.

En base a estes criterios, cada trimestre, a persoa titular da Xefatura do Servizo Provincial da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Galiza (APLU) elaborará unha listaxe de municipios a inspeccionar.

Co fin de tratar de minimizar a prescrición destes delitos, o texto publicado no Diario Oficial da Galiza prioriza a apertura de expedientes das “obras en curso de execución” e das obras terminadas que estean próximas a prescribir.

Asumindo a limitación da capacidade de actuación da APLU, a norma especifica unha orde de prioridade “no caso de que estean pendentes de paralizarse e incoarse varias obras en curso de execución de carácter prioritario”.

Nestas situacións, optarase por comezar a incoar os expedientes das “obras que afecten terreos especialmente protexidos”, as de “maiores dimensións” e as localizadas nos municipios integrados na Axencia. Ao tempo, subliña que terán prioridade os expedientes de sanción por obras que constitúan unha infracción urbanística moi grave, mentres que cando sexan detectados indicios de delito, serán remitidos os expedientes á Fiscalía.

Unha vez sexa firme pola vía administrativa ou contencioso-administrativa a resolución que ordene demoler unha construción ilegal, imporanse multas coercitivas de até 10.000 euros para que a persoa acusada efectúe a execución forzosa da sentenza, no momento no que remate o período voluntario.

Unha vez transcorra un ano, e se a demolición non se realiza, “a Axencia poderá acordar a execución subsidiaria con cargo ao suxeito obrigado”, iso si, matizando a normativa que isto “quedará supeditado á existencia de fondos orzamentarios suficientes”.

Diminución dos expedientes urbanísticos

Malia as responsabilidades da APLU en “evitar que se leven a cabo obras, instalacións e usos que contraveñan a normativa urbanística e de costas”, e “colaborar activamente cos Concellos para velar polo cumprimento da normativa”, as estatísticas de 2020 -a última actualización- ofrecidas pola entidade amosan un constante descenso nos últimos exercicios do número de actuacións da Axencia.

No que atinxe aos expedientes iniciados, percíbese un descenso constante desde os 462 de 2016 aos 215 de 2020, o número máis baixo desde 2009, cando comezan os rexistros. Outro tanto cos expedientes resoltos, dos 458 de 2016 aos 207 de 2020. Hai que remontarse ao 2010 para atopar un número tan baixo.

Con respecto ás multas coercitivas impostas, as 263 de 2020 son o rexistro máis baixo da serie histórica, e foron caendo ano tras ano desde 2017 (637), do mesmo xeito que o importe de multas e sancións por violar as leis urbanísticas e de costas, que por primeira vez nas estatísticas coas que conta queda por baixo do millón de euros, após chegar en 2011 ao seu pico, con case sete millóns de euros.

As reposicións, pola súa parte, volveron a niveis de comezos da década pasada, cun abrupto descenso das 210 de 2018 ás 70 do ano 2020, cando apenas se remitiron á Fiscalía 35 expedientes por un presunto delito contra a ordenación do territorio.