Leve baixada de contaxios e aumento da presión hospitalaria

Traballadores sanitarios no entorno dunha residencia de maiores. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os positivos diarios na Galiza baixan a 268 nunha xornada con 1.145 PCR menos

O número de casos de Covid-19 detectados na Galiza caeu este domingo por baixo dos 300 positivos, concretamente até os 268, aínda que a presión hospitalaria creceu lixeiramente, con oito ingresados máis, durante unha xornada na que se fixeron 1.145 PCR menos que 24 horas antes.

Así se desprende da actualización dos datos da pandemia publicada na mañá desta segunda feira na páxina web da Consellería de Sanidade con cifras recollidas até as 18:00 horas do domingo.

Até ese momento, nas 24 horas previas foran descubertos 268 casos novos, 60 menos que o día anterior. Así mesmo, realizáronse 6.857 PCR, 1.145 menos que 24 horas antes, polo que a taxa de positividade mantívose no 3,8%.

Pola súa banda, a presión hospitalaria repunta de novo na Galiza. En concreto, hai hospitalizados 354 pacientes Covid, 8 máis que a xornada anterior, aínda que as persoas en UCI continúan sendo 53.

Un día máis, os datos de Sanidade recollen que as áreas sanitarias de Vigo e Santiago-Barbanza son as que máis positivos notificaron, aínda que cun descenso. En concreto, a área compostelá notificou 61 positivos, 16 menos que nas 24 horas anteriores, e a de Vigo 68, unha caída de 11.

Doutra banda, unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Galiza continúan en aumento e ascenden xa a 1.341 tras a morte de tres persoas notificada nas últimas horas