Leve repunta en casos activos e hospitalizados por Covid

Recipientes coa vacina de Moderna. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
Galiza despediu outubro con 33 novos contaxios de covid-19

Galiza despediu outubro con 33 novos contaxios de Covid-19, tres menos que a xornada anterior e en niveis similares aos mantidos ao longo da última semana. Isto nun domingo no que se produciu unha lixeira repunta nos casos activos, até os 524, e no número de hospitalizados, que sobe a 30, aínda que se mantén en cinco o total de pacientes en UCI.

Así se desprende do último balance ofrecido pola Consellaría de Sanidade, publicado na mañá desta segunda feira, 1 de novembro con datos solicitados até as 18 horas do domingo. Nese momento, o número de novos contaxios detectados durante as últimas 24 horas ascendía a 36 nunha xornada coa positividade nas probas practicadas no 1,9%, dúas décimas superior ao día anterior.

A situación nos hospitais reflicte certa estabilidade, aínda que se dá un incremento no total de pacientes Covid hospitalizados, que se eleva a 30, dous máis que o sábado. Isto débese ao número de ingresados en unidades convencionais, que sobe en 2, mentres que na UCI segue habendo cinco pacientes covid.

En canto aos casos activos de Covid, despois de rachar a tendencia alcista da última semana cos datos do domingo, esta segunda feira volve incrementarse o total lixeiramente ao aumentar até os 524, doce máis que 24 horas antes.

Así, as infeccións activas aumentan en todas as áreas agás Lugo, onde baixan nun; e en Pontevedra, que descenden en dous. O resto presentan incrementos: Ourense (+5), Vigo (+4), Ferrol (+3), A Coruña (+2), Santiago e Barbanza (+1).

Pola súa banda, o número de contaxios detectados en 24 horas baixan lixeiramente ao ser diagnosticados durante o último día un total de 33 casos, tres menos que na xornada anterior.

En canto á taxa de positividad das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- baixou até o 1,9%, dúas décimas superior ao da xornada anterior e un punto por baixo do 2,74% alcanzado a sexta feira.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Galiza mantéñense en 2.652, ao non notificarse ningún óbito nas últimas 24 horas.