Liberadas 21 mulleres explotadas sexualmente en pisos nun operativo con seis detidos na Galiza

21 mulleres vítimas de explotación sexual foron liberadas. (Foto: Nós Diario).
Cinco detidos en Ourense e un na Coruña, ademais de rexistros na provincia ourensá e na de Lugo

Un operativo policial logrou liberar a 21 mulleres, a maioría de orixe latinoamericana, que eran explotadas sexualmente en pisos en varios puntos do Estado, entre outros, en Ourense e en Lugo. En total hai nove detidos, seis deles na Galiza.

As vítimas eran captadas nos seus países de orixe e trasladadas a España, onde eran forzadas a exercer a prostitución para saldar a débeda de 7.000 euros contraída cos seus explotadores, que chegaron a vender a algunha destas mulleres a outros sistemas criminais por cantidades próximas a 1.000 euros.

Así o indicou a Policía, encargada dunha investigación que contou coa colaboración de Europol e que se desenvolveu a un tempo en varios do territorio estatal con rexistros domiciliarios nas provincias de Ourense, Lugo, Burgos, Cuenca e Sevilla. Seis dos arrestos producíronse en Galicia, cinco en Ourense e un na Coruña; ademais doutros tres en Burgos, Cuenca e Madrid.

Investigación

A investigación arrincou por mor dunha información que alertaba da chegada ao Estado español dunha presunta vítima de trata de seres humanos que fora captada na súa cidade natal por unha organización dedicada á explotación sexual de mulleres.

A partir de aí, as pescudas policiais lograron localizar á vítima e confirmar a existencia desta rede, que operaba en varias puntos onde explotaban ás mulleres en pisos que funcionaban como prostíbulos.

As vítimas atopábanse nunha situación de gran vulnerabilidade, da que se aproveitaban os seus explotadores, quen lles proporcionaban reservas de hotel en Madrid, un seguro médico e un voo de volta para figurar ante as autoridades coma se fosen turistas en España.

Ademais, recibían instrucións sobre como comportarse na fronteira para non levantar sospeitas. Desde alí, trasladábanas a pisos controlados por este grupo criminal, repartidos por varias provincias e polos que se movían as mulleres sendo explotadas sexualmente durante todo o día a cambio de 50% do prezo que pagaban os clientes.

Venda a grupos criminais

Así mesmo, a Policía determinou que a rede vendía as mulleres a outros grupos dedicados á explotación sexual por prezos que oscilaban os 1.000 euros. O nove detidos na operación enfróntanse a delitos de trata de seres humanos, prostitución coactiva, pertenza a grupo criminal e favorecemento á inmigración ilegal.

Nos rexistros domiciliarios levados a cabo en Ourense, Lugo, Burgos, Cuenca e Sevilla interviñéronse oito teléfonos móbiles, 2.895 euros en efectivo e diversa documentación relevante para a investigación.