En liberdade, pero investigados, tres dos catro detidos polo apuñalamento dun home na Coruña

Exterior dos xulgados da Coruña. (Foto: Nós Diario).
Só un deles, e ao que testemuñas apuntaron como o principal implicado na agresión, queda en prisión.

Tres dos catro detidos polo apuñalamento dun home na zona de pubs do Orzán, na Coruña, o pasado 19 de abril quedaron en liberdade, aínda que manteñen a súa condición de investigados.

Así o confirmaron esta terza feira fontes xudiciais citadas pola axencia Europa Press, que precisaron que a cualificación, no seu caso, verase conforme avance a instrución da causa. A maxistrada do Xulgado de Instrución número 2 da Coruña tomou esta decisión con base nas declaracións de testemuñas e o informe forense.

Inicialmente, e tras a súa detención, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza dos catro detidos por un delito de asasinato en grao de tentativa ou consumado, esta última opción exposta en función do estado da vítima cuxa evolución foi, a pesar das feridas, favorábel.

Con esta última decisión, só un deles, e ao que testemuñas apuntaron como o principal implicado na agresión, queda en prisión.