Lídia Senra pergunta a Bruxelas sobre o informe da Xunta en relación ao macrovertedoiro de Lousame

Lídia Senra, asinando contra o vertedoiro.

Hai unha semana, a eurodeputada de AGEe demandaba á Comisión Europea que pesquisase o proxecto de macrovertedoiro de residuos industriais de Lousame por considerar que vulnera as normativas internacionais e nacionais referidas ao coidado do meio ambiente, a calidade das aguas e a xestión de residuos.

Senra denuncia que o proxecto de Lousame continúa a apostar no enterramento de residuos.

Após esa primeira iniciativa, a parlamentar de AGEe rexista unha nova, tamén pergunta por escrito á Comisión, en que se interesa polas carencias do informe de impacto sobre a saúde humana emitido pola Xunta.

De acordo con Senra, o informe da Consellaría de Sanidade, realizado a petición da de Meio Ambiente, consta de “escasamente media folla” e nel óbviase “totalmente” o que se lle solicitaba. “Non hai informe  sobre o impacto que este macrovertedoiro terá sobre a saúde das persoas que viven na zona de Lousame nin sobre que medidas habería que  tomar para protexer a saúde da veciñanza e a calidade das augas e do medio ambiente do lugar”, asegura a parlamentar de AGEe. 

Con esta iniciativa, Lídia Senra cuestiona á Comisión se o informe da Xunta cumpre ou non cos requisitos estabelecidos na Directiva 2011/92/UE e se ten suficiente entidade como para xustificar a autorización ambiental para un proxecto que prevé a instalación dun vertedoiro, xusto enriba da aldea do Mirón, con capacidade para 770.000 toneladas de residuos industriais e perigosos e a construción de dúas balsas de lixiviados.