O límite de acollida "ecolóxica" que fixa a Xunta para o monumento natural da Pena Corneira: 6.150 persoas ao día

Pena Corneira (Foto: Turismo de Ourense)

Aprobado o Plan de Xestión da serra de Pena Corneira, na comarca do Ribeiro.

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publicou esta segunda feira o decreto polo que se aproba o Plan de Xestión do monumento natural da serra de Pena Corneira, situada nos concellos e Avión, Carballeda de Avia e Leiro, os tres na comarca do Ribeiro, o cal contempla unha cota máxima de case 6.150 visitantes ao día.

En concreto, os monumentos naturais son unha categoría de espazo natural protexido definida a nivel estatal como "espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial".

No plan, a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático recolle o ámbito de protección do monumento, a identificación dos valores chave de conservación e as posíbeis presións e ameazas, así como a normativa e o plan de actuacións.

Nel identifícase a capacidade de acollida "ecolóxica" de persoas, estabelecendo uns límites máximos en cada un dos espazos da serra. Así, por exemplo, no camiño natural da serra poderíanse alcanzar até 340 visitantes ao día, mentres que o carreiro PR-G 78, podería acoller até229 persoas.

Entre os distintos apartados do monumento, poderían chegar a albergarse entre 5.279 e 6.146 persoas ao día, estabelecéndose tamén certos parámetros.

Así, no caso dos carreiros, o valor máis elevado considera unha distancia entre grupos de 500 metros, mentres que o segundo valor, o máis restritivo, garante unha distancia de 750 metros.

Nas áreas recreativas, o valor máis elevado implica unha superficie libre por persoa de 25 metros cadrados, e o máis restritivo de 50 metros cadrados.