Limpando ríos: o exemplo cidadán ante o desleixo da administración e das empresas
Na web proxectorios.org anotáronse xa 44 asociacións. Adega, a Asociación Para a Defensa Ecolóxica da Galiza, espera chegar ás 70 do ano pasado antes da data da convocatoria: o domingo 29 de setembro. A organización fixa o día e recomenda desenvolver a actividade de mañá. O demais é cousa dos grupos que se van formando: determinar o horario, o treito de río, o material acaído para o labor de limpeza. Os concellos adoitan colaborar, polo menos con luvas e sacas para o lixo. Tamén coa recollida en colectores ou co traslado aos depósitos.
“Para que serve? Evidentemente, o obxectivo principal non é limpar… Nun día pouco se fai. O que se limpe está ben; pero trátase de que a xente participe nunha acción de conservación e de que se poña na axenda a necesidade de manter limpos os nosos ríos”, di Paco Bañobre, coordinador do proxecto.
Na xornada do ano pasado, que se desenvolveu en 53 concellos do país e na que se retiraron 10 toneladas de residuos, apareceron rodas e baterías de automóbiles, colchóns, televisores, uralitas, roupas, entullos… As activistas rexistran con fotografías e datos a memoria da actividade e veñen constatando como cada ano baixa o número dos residuos de gran tamaño (rodas, electrodomésticos) mentres van en aumento as toalliñas humedecidas.
Os datos máis sorprendentes proceden da medición da temperatura das augas. “Temos rexistrados augas superficiais a 20 ou 21 graos centígrados”, explica, “e isto ten que ver coa retirada da sombra dos árbores de ribeira, co déficit hídrico, e supoñemos que en xeral co cambio climático”.
Conciencia
“Gustaríanos que aumentase a conciencia cidadá contra os ríos sucios e mesmo que se creara unha rede de alerta para detectar puntos de vertido”, comenta Bañobre. “É competencia dos concellos limpar, pero o principal é que a xente non tire lixo aos ríos”.
O Liñares, na Estrada, e o Ulla, en Vila de Cruces, foron os ríos nos que máis residuos se retiraron o ano pasado: 1 tonelada en cada un. Establecéronse tres treitos de limpeza no Arnoia, no que máis, en Xunqueira de Ambía, Allariz e A Merca. A maioría das accións desenvolvéronse na franxa este do país, en área urbanas, que son aquelas nos que as ribeiras e os canles reciben maior presión.
Como en anteriores edicións, o informe volve sinalar que entre o 70 e o 80% dos ríos analizados están “en bo estado”. E ríos como o Lagares, o Mero, o Sar ou o Lérez están entre os máis danados. Adega volve chamar a atención este ano sobre a vexetación de ribeira. “Deteriorouse a calidade das masas de árbores, ben por destrución directa, ben a causa de especies invasoras… estean ou non catalogadas como tales”.
Bañobre avisa de que os datos máis sorprendentes proceden da medición da temperatura das augas. “Temos rexistrados augas superficiais a 20 ou 21 graos centígrados”, explica, “e isto ten que ver coa retirada da sombra dos árbores de ribeira, co déficit hídrico, e supoñemos que en xeral co cambio climático”.
As condicións foron mudando rápido e na actualidade os test de inspección inclúen unha pregunta que hai un par de décadas non tería sentido: a auga, flúe ou non? “Nos anos 16, 17 e 18 detectamos déficits hídricos, leitos secos, en ríos como o Arnoia ou o Limia e outros do interior. Baixaron as precipitacións, e todos os nosos ríos son de réxime pluvial. A seca empeza a afectar ao subministro nalgunhas cidades”.
Neste contexto, Adega advertirá de novo sobre a insuficiente xestión das entidades hidrográficas, “que catalogan, etiquetan reservas naturais nos espazos mellor conservados, pero apenas fan un traballo exhaustivo no resto”, opina Bañobre; e no labor das administracións locais no control da calidade das augas e a redución das perdas nas redes de distribución. No caso do Limia, despois de outro verán de contaminación á vista, Adega advirte do duplo perigo da contaminación nas augas superficiais e nos acuíferos, co conseguinte risco para a poboación. “Haberá que preguntar se a saúde das persoas comprométese ao beber auga da billa nesa área?”, conclúe Bañobre.