A lista de espera para se operar na Galiza aumentou 21% en 10 anos

Sala de espera do centro de Saúde (Foto: Xunta da Galiza).
44.410 persoas agardan por unha intervención cirúrxica.

Un total de 44.410 persoas agardaban a 30 de xuño na Galiza por unha operación, segundo datos do primeiro semestre apublcados onte polo Sergas. A cifra supón que están en espera cirúrxica 640 galegos e galegas máis que hai un ano e 10.000 máis que hai unha década.

Case dous de cada 100 habitantes da Galiza están esperando para ser operados. Son 44.410 persoas. En 2013, hai 10 anos, ese número era de menos de 37.000 persoas, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, polo que nunha década os galegos e galegas en agarda cirúrxica aumentou en 21%. De querer facer unha comparación máis próxima, co primeiro semestre de 2022, hai este ano 640 persoas máis agradando para se operar. En 12 meses esa lista de espera para ser operado foi engordando a unha media de case dúas persoas cada día. No que respecta a días de espera si que houbo unha mellora. No primeiro semestre esa agarda era de 66 días, o que supón 9 menos que no primeiro semestre de 2022 (75 días).

Eses 66 días, porén, aínda fican lonxe dos que a propia Xunta se marcou para a espera cirúrxica para o presente ano: 55.  Hai especialidades, ademais, e en base aos recentes datos publicados polo Ministerio de Sanidade, onde na Galiza se supera amplamente eses 66 días de espera. É o caso de Neurocirurxía, con 91 días e cirurxía pediátrica, con 86. Na primeira delas, 14,6% dos pacientes acumulan xa máis de 6 meses de agarda. En pediátrica é 11% a porcentaxe dos que superan esa agarda de  180 días.

No que respecta a número de pacientes, o principal grupo componse dos que esperan por unha intervención de Traumatoloxía —12.000 persoas, agardan de media 76 días— e de Oftalmoloxía, con ao redor de 11.200. 

En canto a consultas externas, os datos publicados onte polo Sergas rexistran que a 30 de xuño había 210.660 persoas en agarda na Galiza. Son menos que as que estaban nesta situación a 31 de decembro de 2022 (215.620) mais aumentaron no período interanual (en 5.040 persoas).

O tempo medio de agarda por unha consulta é de 63 días, o que supón un aumento a respecto do que se esperaba no primeiro semestre do ano pasado (55 días).

Os servizos que acumulan maiores esperas son os de rehabilitación (155,2 días de media), Anestesioloxía e Reanimación (86,6), Oftalmoloxía (71,9) e Medicina Interna (70,7). No que respecta aos que teñen maior número de persoas en espera, o principal é Oftalmoloxía, con 39.361 pacientes, e Rehabilitación, con 21.627.

Non estruturais

Todos estes datos, correspondentes ao primeiro semestre, fan referencia unicamente ás listas de espera estruturais. Non contemplan, pois, as "non estruturais", aquelas nas que están, por exemplo, os que se negan a que se lles derive a un hospital privado e piden ser intervidos no seu centro de referencia. O pasado 14 de novembro, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS querelouse contra a Consellaría de Sanidade pola opacidade nas listas de espera. E sindicatos e colectivos de persoal sanitario inciden periodicamente en que o Sergas "branquexa" as listas de espera cirúrxicas ao non incluír, precisamente, as non estruturais.