Sanidade pública

Un de cada dez galegos está nas listas de espera sanitarias, que ascenden a 261.781 persoas

A espera para se operar en neurocirurxía ou cirurxía pediátrica superan os 100 días. (Foto: Xunta)
215.000 pacientes agardan por unha consulta e 46.000 para se operar.

O número de persoas en listas de espera na sanidade galega continúa aumentando, ao igual que soben os días de espera ou a porcentaxe de pacientes que superan máis de 60 xornadas para unha consulta ou de seis meses para unha cirurxía. Unha de cada 10 galegas e galegos está nas listas de espera sanitarias. 

Un total de 261.781 persoas están en lista de espera estrutural na sanidade galega, ben sexa para unha consulta hospitalaria ou para unha intervención cirúrxica. Esta é a cifra publicada esta terza feira polo Ministerio de Sanidade con datos definitivos a 31 de decembro de 2022. Un número que representa un aumento nas listas de espera na Galiza de case 17.000 persoas a respecto do anterior informe do Ministerio, con datos a 30 de xuño: 244.876 pacientes. En seis meses as listas de agarda da sanidade galega incrementaron a unha media de 93 persoas cada día.

Esa suba, porén, non foi igual  en todas as listaxes do Sergas. Na de cirurxía, o número de persoas mantense nos niveis de seis meses antes, ao redor de 46.000 pacientes en agarda. Tampouco varían aquí os días de media de espera: 75 a finais de xuño e 75 ao fechar o ano. Mais si que se incrementou a porcentaxe daquelas persoas que teñen que agardar máis de seis meses pola operación, que pasou de 6,4% a 6,7% dos inscritos para someterse a cirurxía.

Consultas

Onde si hai un alargamento considerábel neses meses é na lista de espera para consultas externas. Pásase de 198.323 persoas en agarda a 215.600, segundo o Ministerio de Sanidade. Este aumento, ademais, vai acompañado do incremento dos días de media que se agarda para ser atendido, que pasan de 55 a 66, once máis.

Para pór o ramo, tamén sobe a porcentaxe de persoas inscritas nesta lista e que teñen que agardar máis de 60 xornadas. Eran 34,4% a mediados de 2022 e representaban 39,7% ao feche dese exercicio.

Especialidades

Cales son as especialidades con maior número de pacientes en agarda para se operar? Traumatoloxía e oftalmoloxía, con 11.844 e 10.864 persoas respectivamente. De centrarse naquelas que teñen máis días de agarda, a listaxe encabézaa neurocirurxía e cirurxía pediátrica, con 108 e 101 días. Nas consultas, oftalmoloxía e traumatoloxía son as que máis doentes teñen, sumando entre ambas as dúas 70.000.

Desde colectivos profesionais e entidades de defensa da sanidade pública reiteran que as listas de espera dadas a coñecer polas autoridades sanitarias recollen só unha parte dos doentes que agardan por unha cita en Atención Especializada. Neste sentido, o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que “seguen maquillando as listas ao non publicarse os doentes que se acumulan nas listas non estruturais” e denuncia “o seu importante incremento nos últimos tempos”.

As denominadas listas de espera non estruturais incorporan un número indeterminado de persoas. A este respecto, a Valedora do Pobo tense manifestado de maneira crítica nos seus informes, advertindo que "os doentes -ao rexeitar seren atendidos nun centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como lista de espera non estrutural".