A listaxe de zonas de alta incidencia para que viaxeiros comuniquen datos publicarase mañá

(Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

Os e as visitantes que cheguen a Galiza destes lugares terán a obrigación de facer a notificación vía web ou teléfono.

A Xunta publicará esta terza feira a listaxe de países e zonas de alta incidencia de coronavirus co obxectivo de que as e os viaxeiros procedentes destes lugares que cheguen a Galiza comuniquen con carácter obrigatorio os seus datos de contacto.

Segundo trasladaron fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press, esta orde publicarase esta terza no Diario Oficial de Galiza (DOG), despois de que a medida fose avanzada a pasada semana polo presidente da xunta en rolda de prensa.

As e os viaxeiros que cheguen a Galiza procedentes de zonas de alta incidencia de coronavirus, xa sexa doutras comunidades ou do estranxeiro, deberán notificar "con carácter obrigatorio" os seus datos de contacto e tempo de estancia.

Así, as e os viaxeiros deberán notificar á Comunidade galega a súa viaxe a través do teléfono de atención do coronavirus (881 00 20 21) ou da web (coronavirus.sergas.gal). Contarán cun prazo máximo de 24 horas para facer a comunicación desde a súa chegada. Esta listaxe renovarase quincenalmente.

Pola súa banda, os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes, da emsma forma que as axencias de viaxe, operadores turísticos e compañías de transporte aéreo, marítimo ou terrestre. Tamén deberán facelo as empresas que trasladen a Galiza traballadores por motivos laborais.

A todos os viaxeiros er viaxeiras facilitaráselles un contacto por se teñen algunha sintomatoloxía. Os residentes a través do seu médico de cabeceira e os fóraneos mediante o número de atención do coronavirus.