Localizado en bo estado en Ponferrada o menor de Cangas desaparecido desde o sábado

Axente da Garda Civil nunha imaxe de arquivo. (Foto: Garda Civil)
Así o confirmou a Garda Civil e o ratificou en redes sociais a nai do mozo.

O mozo de 17 anos Izan Pousada, veciño de Cangas (O Morrazo), desaparecido desde o pasado sábado, foi localizado en bo estado esta cuarta feira en Ponferrada.

Así o confirmou a Garda Civil e o ratificou en redes sociais a nai do mozo, que agradeceu o apoio dos veciños e das veciñas da localidade de Cangas nestes días de incerteza.

A asociación SOS Desaparecidos desactivou a alerta que fixera pública a pasada fin de semana con motivo desta desaparición, que a familia denunciou ante a Garda Civil.

A familia de Izan non sabía nada do seu paradoiro desde o pasado sábado e non conseguía contactar con el, porque tiña o teléfono desconectado. As persoas achegadas sospeitaban que podería tomar un autobús en Pontevedra.