Localizan nunha praia de Vilaxoán o corpo sen vida da veciña de Vilagarcía desaparecida

Centro de atención de emerxencias do 112-Galiza. (Foto: Xunta).
Tamén esta cuarta feira foi localizado o cadáver dun home flotando nunha praia de Carballo.

O cadáver da muller de 63 anos desaparecida desde esta terza feira en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) foi localizado no mediodía desta cuarta flotando na auga nunha praia de Vilaxoán, localidade na que residía.

O achado produciuse ás 15.30 horas nun areal situado nas inmediacións dunha antiga conserveira, segundo trasladaron fontes próximas ao caso, que confirman que a identidade da falecida corresponde á muller que se buscaba desde a terza feira.

Desde entón, organizouse un dispostivo para tratar de dar co paradoiro desta veciña de Vilaxoán, finalmente desactivado após a localización do corpo sen vida na praia arousá.

Falecemento nunha praia de Carballo

Por outra parte, e tamén esta cuarta feira, un home foi atopado falecido na praia da Pedra do Sal, no municipio de Carballo (comarca de Bergantiños). Segundo informan desde o 112, ás 15.10 horas recibiuse aviso dun particular de que atopara o corpo flotando na auga, que finalmente foi recuperado da area polos servizos de emerxencias.

Así, foron avisados efectivos de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil e Protección Civil de Carballo.