Localizado sen vida un home de idade avanzada nun illote do río Miño en Arbo

Helicóptero de salvamento. (Foto: Europa Press).
Ante as dificultades para levar a cabo un rescate acuático, polas fortes correntes do río, Gardacostas mobilizou o helicóptero 'Pesca I'.

Un home de idade avanzada foi localizado sen vida nas últimas horas nun illote no río Miño, no municipio de Arbo (A Paradanta), segundo informou a central de emerxencias do 112-Galiza.

Segundo informaron os servizos de Emerxencias, un familiar informou de que o home faltaba desde primeira hora da tarde desta cuarta feira, cando saíra do seu domicilio para dirixirse cun tractor a un leira pegada ao río, onde adoitaba pescar, na parroquia de Cequeliños.

A alerta chegou ao 112 sobre as 22.50 horas, cando un particular informou de que o home non regresara aínda á casa. O 112 informou a Urxencias Sanitarias-061, á Garda Civil, ao GES de Ponteareas e mais ao servizo de Gardacostas da Galiza.

Foi a Garda Civil a que coordinou o operativo de procura, e a que localizou o falecido nun illote no medio do río. Ante as dificultades para levar a cabo un rescate acuático, polas fortes correntes do río, Gardacostas mobilizou o helicóptero Pesca I, que se encargou das tarefas de recuperación do corpo.