Localizan o cadáver dun home no río Miño ao seu paso polas Neves

Central de emerxencias do 112 Galiza (Foto: 112).

Tripulantes dunha embarcación que navegaba polo río Miño á altura das Neves (comarca do Condado) localizaron a última hora desta quinta feira o cadáver dun home, que foi recuperado polos servizos de emerxencias.

Segundo a información do CIAE 112-Galiza, o aviso recibiuse pouco antes das 19:00 horas, cando un particular chamou a Emerxencias para avisar de que había un corpo flotando no medio do Miño, preto da área recreativa de Santa Mariña, unha área na que o río separa a fronteira entre a Galiza e Portugal.

No momento alertouse á Comandancia Naval do Miño, aos Bombeiros-Ges de Ponteareas e á Garda Civil de Pontevedra, así como ao 061 Galiza.

Foron os axentes da Garda Civil, desprazados nunha embarcación, os que recuperaron o corpo, ao que se lle fará a autopsia para identificalo.