Aparece o corpo calcinado dun home de 75 anos na Estrada

Estrada PO-841 ao seu paso pola parroquia estradense de Vea. (Foto: Google)
O cadáver foi atopado arredor das 14.20 horas por efectivos anti-incendios que se desprazaron a unha leira próxima á estrada PO-841 despois de recibiren a alerta dun fogo forestal.

O corpo dun home calcinado foi localizado esta terza feira polos servizos de extinción de incendios forestais da Xunta da Galiza nun terreo da parroquia de Santa Cristina de Vea, no concello da Estrada (Tabeirós-Terra de Montes).

O cadáver, que corresponde ao dun home de 75 anos que aínda non foi identificado, foi atopado arredor das 14.20 horas por efectivos anti-incendios que se desprazaron a unha leira próxima á estrada PO-841 despois de recibiren a alerta dun fogo forestal, segundo trasladaron fontes dos servizos de emerxencia.

Os profesionais mobilizáronse até esta parroquia estradense e iniciaron as tarefas de extinción do incendio. Durante estes traballos deron co corpo calcinado. Membros da Policía Xudicial da Garda Civil desprazáronse até Santa Cristina de Vea para iniciar unha investigación sobre o acontencido e tratar de dar coa identidade do falecido.

O incendio, que se iniciou contra as 14.09 horas desta terza, quedou baixo control minutos antes das 15 horas despois de afectar unha superficie aproximada de 0,1 hectáreas.

Fontes próximas á investigación trasladaron, en declaracións á axencia Europa Press, que nas inmediacións da zona onde foi achado o corpo atópase un vehículo que podería corresponder á vítima.

Ademais, as pescudas tamén se centran en cotexar se o terreo pertence ao home, xa que a principal liña na que traballan os investigadores nestes momentos é a hipótese de que o falecido estaba realizando unha queima de restos agrícolas cando foi alcanzado polo lume.