Localizan flotando o corpo sen vida dun home de 51 anos na Illa de Arousa

Porto do Xufre, na Illa de Arousa. (Foto: Nós Diario)
O cadáver apareceu contra as 11 horas desta segunda feira no porto do Xufre.

O corpo sen vida dun home de 51 anos foi localizado arredor das 11 horas desta segunda feira na contorna dos peiraos do porto do Xufre, no municipio da Illa de Arousa.

Segundo indicaron fontes policiais a Europa Press, a familia do home, veciño deste concello, detectou a súa ausencia o pasado sábado, pero sobre todo na xornada do domingo saltaron as alarmas cando aínda non regresara á casa.

Desta forma, explicaron as mesmas fontes que na madrugada do sábado houbo persoas que o viron no pobo e contra as 3.30 horas do domingo foi visto "indo cara ao peirao", e aí "perdeuse a pista, xa que non saíu do lugar".

Nesta liña, indicaron que se iniciou unha procura nos peiraos mexilloeiros coa mobilización de mergulladores e foi na mañá desta segunda feira cando apareceu perto da súa embarcación. "El accedeu ao peirao para ir á súa embarcación", apuntaron estas fontes.