Localizan o corpo sen vida dun home nunha praia da ETEA, en Vigo

A coñecida como praia da ETEA, onde apareceu o cadáver, en Vigo. (Foto: Concello de Vigo)
O cadáver foi localizado flotando no mar por un particular na mañá desta segunda feira.

O corpo sen vida dun home foi localizado na mañá desta segunda feira flotando no mar fronte á praia de Ríos de Fóra, na cidade de Vigo. O areal está ituado nas inmediacións da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA).

Segundo trasladaron fontes do servizo de emerxencias do 112-Galiza, un particular alertou Urxencias Sanitarias contra as 7.15 horas da aparición do cadáver, polo que se puxo en marcha un operativo para o levantamento do mesmo.

Así, deuse aviso á Policía Nacional e á Local. Tamén se puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vigo. O corpo foi atopado nunha zona de rocas do devandito areal con fácil acceso para os efectivos de emerxencias.

Fontes da Policía Nacional confirmaron á axencia Europa Press que se trata do cadáver dun home e que xa se procedeu ao seu trasladado ao Hospital Nicolás Peña para realizarlle a pertinente autopsia co obxectivo de esclarecer as causas da súa morte.