Localizan nunha vivenda de Ferrol un cadáver momificado que correspondería a unha muller morta hai oito meses

Emblema dos Bombeiros de Ferrol. (Foto: Nós Diario)
Os bombeiros localizaron o cadáver sobre un sofá.

Profesionais do corpo de Bombeiros de Ferrol localizaron no mediodía desta cuarta feira, nunha vivenda da estrada de Catabois, o corpo momificado dunha muller que, polo estado no que se atopaba, crese que morreu uns oito meses atrás.

O corpo atopábase no interior dunha vivenda do número 251 da estrada de Catabois, até a que se desprazaron efectivos dos bombeiros acompañados por axentes da Policía Local de Ferrol e da Policía Nacional.

Os bombeiros utilizaron para acceder ao interior da vivenda o camión con escaleira. Unha vez dentro, localizaron o cadáver momificado situado enriba dun sofá.

Segundo fontes citadas pola axencia Europa Press, o cadáver podería levar neste lugar até oito meses, en virtude do estado que presentaba. Os primeiros indicios apuntan a que o corpo correspondería a unha muller que residía na vivenda e á que ninguén botou en falta durante os últimos meses.

A comisión xudicial autorizou o levantamento do cadáver para o seu traslado ao Hospital Naval de Ferrol, onde está previsto que se lle practique esta quinta feira a autopsia.