Localizan sen vida un home debaixo dun vehículo envorcado en Santiago

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
Cando chegaron os servizos de emerxencias o home xa non presentaba constantes vitais.

O corpo dun home foi localizado sen vida na mañá desta terza feira debaixo dun vehículo que envorcou após unha saída de vía nunha pista que discorre perto do Cuartel da Garda Civil de Santiago de Compostela.

Segundo trasladaron fontes da central de emerxencias do 112-Galiza, varios particulares chamaron contra as 8 horas de hoxe para alertar da presenza do vehículo envorcado neste punto da parroquia de Barciela, mais ningún asegurara ver ningún ocupante no mesmo ou nas súas inmediacións.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencias acharon o home debaixo do vehículo, pero xa sen constantes vitais, tal e como confirmou posteriormente o persoal de Urxencias Sanitarias do 061.

Alén dos Bombeiros de Santiago e persoal médico, desde o 112-Galiza pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.