Localizan en Vimianzo o corpo sen vida dun home que levaría días falecido

Axente da Garda Civil nunha imaxe de arquivo (Foto: Garda Civil).
O achado produciuse o pasado domingo, segundo confirmaron fontes da investigación.

Axentes da Garda Civil de Vimianzo (Terra de Soneira) localizaron nun domicilio da localidade o corpo sen vida dun veciño de 47 anos que, segundo os primeiros indicios da investigación, levaría varios días falecido.

O achado produciuse o pasado domingo, segundo confirmaron fontes da investigación. A patrulla acudiu á vivenda tras recibir a alerta dun particular.

As fontes consultadas indicaron que está pendente o resultado da autopsia para ratificar se o home, cuxo cadáver estaba en avanzado estado de descomposición, faleceu por causas naturais.

En todo caso, confirmaron que na habitación na que foi atopado non había ningún indicio de violencia.

Vivía só

Fontes municipais consultadas ratificaron que o home achado morto, que será enterrado no cemiterio de Cereixo, vivía só no domicilio no que foi atopado.

As mesmas fontes da localidade de Vimian confirmaron que tamén acaba de falecer recentemente a avoa deste home, unha muller que tiña 99 anos.