Fins Eirexas

“Sen as loitas que deu Adega nestas catro décadas Galiza sería un país moito peor”

Fins Eirexas

 

A Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) vén de facer 40 anos. Unha efeméride que celebrou esta fin de semana na Coruña no marco da súa 41 asemblea xeral. Falamos con Fins Eirexas, secretario executivo, dunha asociación indispensábel para a historia deste país durante estas últimas catro décadas. “Algunhas loitas de agora son as mesmas de hai 40 anos, semella que estamos no día da marmota”, recoñece.

A Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza naceu na clandestinidade, vivo aínda Franco e cun réxime que na súa recta final non estaba disposto a afrouxar nin un pouquiño na súa teima en coartar liberdades e democracia. Por iso até 1976 non puido legalizarse Adega, de aí que se fagan agora 40 anos do seu nacemento. Mais, como lembra Fins Eirexas, secretario executivo, “desde bastante antes do 76 andaba xente en Galiza nestas loitas”  ambientalistas. A celebración das 4 décadas de vida tivo lugar esta fin de semana na Coruña, a cidade onde naceu esta asociación.

- 40 anos de Adega xa e tomades o aniversario con retranca co lema ‘Adega na crise dos 40’...

- Había que fixar unha data e escollemos a do ano da legalización, 1976, embora xa existir Adega antes e ter a actividade, mais era o franquismo e este tipo e organizacións estaban prohibidas. Víñanse desenvolvendo accións puntuais e xuntanzas desde 1974, incluso desde moito antes.

O de ‘Adega e a crise dos 40’ é unha chanza e rírmonos de nós propios, o ecoloxismo sempre estivo en crise, non é un activismo que estea nas primeiras preocupacións da sociedade se ben despois en todas as loitas sociais que tivo este país durante 40 anos tiveron detrás unha compoñente ambiental moi forte. Home, evidentemente, Adega non está en crise (rí) ou quizás, e como dixo un compañeiro, Manolo Soto, no acto de celebración, “está en crise permanente”. E continuaremos estando en crise outros 40 anos máis (ri). O país sabe que aquí ten unha voz comprometida e insubornábel en defensa do ambiente e do país.

“Os grandes poderes continúan a ver o noso país como un país de segunda onde poden instalar empresas contaminantes, inzalo de eucaliptos...”

- Corenta anos, que se di rápido. Se Adega botase agora a mirada atrás, que vería ao longo desas catro décadas?

- Pois vería éxitos e fracasos, pero de todos aprendemos algo. Unha cousa na que estamos de acordo todos é que este país non sería o que é nestes momentos sen a presenza de Adega ao longo de todos estes anos na defensa do noso territorio, do ambiente...Estamos a falar de loitas que foron fundacionais de conciencia neste país. Arredor desas loitas xurdiron despois moitas outras loitas sociais. Non entenderíamos a Galiza actual sen esas loitas, como a de Baldaio, As Encrobas, a loita contra os encoros, das celulosas, as nucleares, os vertidos na foxa atlántica, O Prestige, o forestal e tantas outras. Nalgunhas houbo éxito, como as pisciculturas e encoros que se lograron paralizar, ou a loita contra a nuclear de Xove. Mais hai moitas outras loitas pendentes, como a do forestal e a eucaliptización, as enerxías suxas... Sen as loitas que deu Adega ao longo destes 40 anos Galiza sería un país peor.

- Hai xente agora incorporada a Adega que non nacera cando se constituíu esta asociación. Iso marca unha continuidade, que a asociación non é froito dun problema ou necesidade puntual dun período determinado...

- No debate desta 41 asemblea de Adega unha das cuestións recorrentes foi a de impulsar esa renovación, sumar máis xente moza á loita ecoloxista. Non é algo doado, e creo que é algo que avalían todas as organizacións sociais, ese reto pendente de garantir esa renovación, atraer á xente nova nunha sociedade moi desmobilizada. Preocúpanos non poder sumar máis xente moza ás loitas pola defensa do territorio, polo ambiente... O que estamos tentando é contar con esa xente nova, que é imprescindíbel.

- Naqueles anos de nacemento de Adega había unhas problemáticas que xa, catro décadas despois, non existen, hai outras que persisten... Cal son agora os principais problemas e ameazas ás que fai fronte Adega na actualidade?

- Basicamente continúan a ser os mesmos con outros formatos. No cerne está a consideración que os grandes poderes teñen do noso país como unha colonia subsidiada, un coto libre para establecer industrias contaminantes, que antes eran unhas e agora algunhas son as mesmas e tamén hai outras novas. Un coto libre para explotar os nosos recursos naturais, para meter mercadorías perigosas nas nosas rías... En definitiva, que consideran que isto é un país de segunda onde se poida instalar o que lles pete ou dedicalo a producir eucaliptos... É unha loita que se mantén desde os anos 70: a de non ser chan barato para industrias contaminantes que nos deixan  os custos e ningún beneficio, que o noso territorio non sexa produtor de eucaliptos para celulosas e biomasa, que as nosas costas non sexan terreo para grandes psicifactorías e os seus peixes de plástico... Nalgunhas loitas estamos nas mesmas que daquela, semella case como un día da marmota. Mais detrás de todo iso está esa concepción dos grandes poderes económicos e políticos de que este país se pode explotar impunemente e sen ningún tipo de cortapisas. E contra iso é contra o que levamos batallando 40 anos e que, probabelmente, teremos que combater 40 máis (ri).

“Calquera cuestión que afecta á cidadanía directamente, ten detrás unha cuestión ambiental”

- Cal entendedes que debe de ser o papel que debe xogar hoxe en día o ecoloxismo?

- Ser parte das conciencia da sociedade galega, tentar que a sociedade reflexione, que vexa que detrás de todas esas cuestións sociais que pensan que nada teñen a ver co ecoloxismo hai unha forte compoñente ambiental. A loita polo ambiente é a loita pola vida, e iso é o primeiro. O noso papel é traballar para facer ver que non estamos a falar ou loitar por algo marxinal, que non somos iso que figura na última páxina dos programas electorais. A gran maioría das cuestións que afecta á cidadanía directamente, ten detrás unha cuestión ambiental. E se solucionamos ese conflito ambiental probabelmente a nosa vida sería moita mellor. Queremos poñer o ecoloxismo na primeira liña das reivindicacións sociais porque entendemos que todas as reivindicacións sociais teñen unha compoñente ecolóxica. O ecoloxismo é algo máis que unha simple defensa das árbores, dos animais... é a defensa da vida. Por iso mesmo entendemos que se un é unha persoa ecoloxista ten que defender os dereitos de todas fronte uns poucos que queren tirar beneficio.

- Após facer 40 anos, que retos de futuro entendes que ten por diante Adega?

- Centrándonos en cuestións concretas, hai dúas cuestións que temos que abordar xa para que o país que queremos ter sexa algo parecido ao que todos queriamos que fora er non ao que queren uns poucos. Temas que falamos na asemblea xeral de Adega e que entendemos que son fulcrais. Por unha banda, o forestal: estamos nun momento chave, no que o risco de perder os poucos hábitats autóctonos que nos quedan, no interior de Lugo e Ourense, é real. Xa vemos como áreas até o de agora libres de eucaliptos empezan a se inzar desta especie. Con destino non só para celulosas mais tamén para biomasa. Esta é unha loita urxente, que cómpre trasladar á sociedade.

Outra cuestión é a dos residuos, de como xestionamos o lixo doméstico, o lixo industrial, preguntarnos que facemos con aquelas industrias que contaminan... Temos que comprometernos para evitar ser o vertedoiro de Europa.