Entrevista á activista Lola Ferreiro

“Neste momento, a consigna é despatriarcalizar todos os aspectos da vida”

Lola Ferreiro é doutora en Medicina e catedrática en Procesos Sanitarios
Lola Ferreiro Díaz, catedrática de Procesos Sanitarios e integrante no grupo de estudos de xénero Lúa Crecente, é unha das dúas activistas que guían esta cuarta feira a segunda sesión das xornadas Noutrén: Feminismo Poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo. Xunto con Lupe Ces, fará unha panorámica do que foi o movemento feminista desde a súa orixe ata a actualidade, para proxectar despois as perspectivas de futuro.

Lugares do feminismo: de onde, cara onde, o aquí... o noutrén? Este é o nome da palestra na que intervén. Onde está o feminismo e cales foron os avances desde os seus inicios?

Inconmensurábeis. Hai un avance enorme no que atinxe á dimensión estrutural dos dereitos das mulleres, sobre todo a lexislativa. O que falta é a segunda parte: que se cumpran esas leis e que se vixíe ese cumprimento. O propio movemento feminista medrou nos últimos anos unha barbaridade, e isto cristalizou en dous 8 de Marzo masivos. Ese tirón redunda en beneficio dos dereitos das mulleres, porque unha cousa é un 8M con, poñamos, dez mil persoas na rúa e outra distinta é ter seis millóns de persoas, como ocorreu a nivel do conxunto do Estado. Esa forza fai recapitular aos poderes públicos. O que ocorre é que este proceso, que tería que ter ido acompañado dunha despatriarcalización da vida a todos os niveis e en todos os eidos, non fixo tanto. É verdade que falamos dun proceso moito máis lento e moito máis complexo, pero niso estamos agora. Para min, neste momento, esa é a consigna: despatriarcalizar a vida, todos os aspectos da vida.

E na Galiza, que ocorreu nestes dous últimos anos?

O mesmo que no Estado español, logrouse a unidade na acción, facendo moitas veces grandes esforzos por parte de todas. Tamén é salientable a capacidade de mobilización social que conseguiu aquí o movemento feminista.

Hai sempre unha resistencia ao cambio, e máis a estes cambios que camiñan cara á igualdade dos seres humanos, non xa só das mulleres e os homes, senón entre clases, entre etnias… É tarefa difícil, non imposíbel

Agora, cales son os mecanismos para seguir avanzando?

Hai unha gran cantidade de organizacións pequenas que forman parte do movemento e penso que poden facer un traballo moito mellor que as grandes. Por outro lado, o que temos que valorar dos avances do movemento feminista é que foi quen de, malia a súa diversidade, acadar sempre acordos para unha unidade na acción. O movemento feminista foi quen de tombar un ministro –en alusión a Alberto Ruíz Gallardón– e o seu intento de reforma da Lei do Aborto. Isto, noutros sectores da esquerda non se dá, hai máis división que unidade, cando menos na acción, e por iso hai que valoralo como un logro, que non sempre foi así e que agora parece estar consolidado, como se ve á hora de responder a unha agresión, de reclamar un dereito colectivo…

Si houbo conflito dentro do movemento feminista ante a previsión dunhas xornadas sobre traballo sexual na Universidade da Coruña en setembro, que finalmente foron suspendidas e tiveron que celebrarse noutro espazo.

Pero, desde o meu punto de vista, non son dúas formas de entender o feminismo, senón dúas formas de entender as solucións posibles á prostitución, que é un aspecto da loita. É certo que é un tema que está bastante enquistado e que é necesario puír e sanear o debate, algo que temos pendente no movemento, pero tamén debemos ter en conta que estamos falando dun problema secular, que está na orixe mesma do patriarcado. 

Que traballo ten por diante o movemento feminista?

O que está a facer. Hai un traballo de reflexión colectiva que nos permita despatriarcalizarnos, cada unha de nós. Tamén nós temos incorporadas moitas rutinas patriarcais que hai que identificar porque ás veces nin sequera percibimos que o son. Hai que identificalas e hai que tentar resolvelas grupalmente.

E que labor teñen as institucións?

O feminismo institucional é un máis. O que hai é que despatriarcalizar as institucións. Isto é moi importante e moi difícil, porque hai sectores, mesmo da esquerda, que consideran que atinxida a igualdade formal está atinxida a igualdade real, e isto está moi lonxe de ser así. 

Por que cre que é así?

Hai sempre unha resistencia ao cambio, e máis a estes cambios que camiñan cara á igualdade dos seres humanos, non xa só das mulleres e os homes, senón entre clases, entre etnias… É tarefa difícil, non imposíbel. No proceso das mulleres de identificar violencias invisibilizadas, estas van moitas veces a un caixón cunha etiqueta que di: ‘Que esaxeradas sodes’. Nunha é para tanto. Mais é imprescindíbel enfocar aí, coa nosa teima, da mesma maneira que conseguimos que hoxe en día teñan visibilidade moitas formas de violencias machistas que non se consideraban tales. Tamén aquí estamos no bo camiño.