Máis

Un lugar chamado Galifornia

O Galifornia Beach Bar, lugar de pinchadas de dj e lecer na comarca do Morrazo. (Foto: Nós Diario)
O local de Bueu ao que collerlle o gusto.

Érase unha vez a historia dun local que comezou cunha parella e unha furgoneta de recreo. É a historia do Galifornia Beach Bar, que naceu cando Miriam Cidrás e a súa parella , David Durán, aparcaron por primeira vez co seu vehículo na praia de Tuia (Bueu). Amaban viaxar e, entre as súas paradas, como indica Cidrás en declaracións a Nós Diario, estaba este areal de apenas 1 km. Alí, incluso facían estadías de varios días no seu aparcadoiro e así foi como foron entrando en contacto co seu ambiente e coas persoas que levaban o chiringo.

Desta relación de amizade coas anteriores donas, comezou a agromar un interese polo negocio, no que "comezaron a axudar en todo o que podían". En consecuencia, ao deixar o espazo as súas colegas, o dúo fíxose cargo e así foi como crearon o Galifornia desde a ilusión, o "esforzo e un novo concepto de estética coidada". 

Disto fai 9 anos xa e, botando a vista atrás, Cidrás tamén lembra o intenso traballo para montalo e decoralo, tarefa que lles levou dous meses, e os atrancos vividos, como foi o proceso de adaptación á nova localización, "desconectada do camiño de acceso" e coa que se viron ao principio "desesperados". Malia o impacto, o tándem propietario logrou solucións e, co tempo, introduciron novos elementos como as pinchadas de dj e as súas comidas, que motivan a seguir a pista até o local.

É o caso do recendo do seu churrasco á brasa, dos seus bowls de salmón ou das súas pizzas artesás. Tampouco quedan atrás os seus cócteis, con mojitos de todo tipo, desde o clásico ao de albariño ou licor café e que permiten explorar novos sabores que entusiasman, sobre todo, a súa clientela potencial,  "persoas de entre 35 e 45 anos, con ganas de gozar de espazos únicos" e abertos á natureza, moi particular en Tuia. Mentres a néboa e as nubes rebordan os ceos da ría da zona, o lugar permanece co seu bo tempo. De aí o Galifornia e a liberdade para "pasar todo o día" no seu bar.

 Galifornia Beach Bar
Praia de Tuia/ Beluso, Bueu (O Morrazo) / Horario: do 23 de xuño ao 31 de agosto, de segunda a sexta feira de 12 a 23 horas e fins de semana de 12 a 00 horas. / 654 13 16 17