O Lugar da Memoria do monte do Castro, en Vigo, é vandalizado con pintadas e inscricións fascistas e de exaltación do nazismo

Pintadas fascistas no Lugar da Memoria do Castro, na cidade de Vigo. (Foto: Nós Diario)
O portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, vén de dirixirse ao Goberno municipal da cidade olívica para que proceda de inmediato á retirada desas pintadas.

O Lugar da Memoria do monte do Castro, localizado na cidade de Vigo e onde o réxime franquista fusilou 136 persoas, vén de ser vítima da vandalización con pintadas e inscricións fascistas e de exaltación do nazismo.

Neste sentido, o portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, vén de dirixirse ao Goberno municipal da cidade olívica para que proceda de inmediato á retirada desas pintadas que, segundo denuncia o nacionalista, “atentan contra a memoria democrática”.

Ademais, o voceiro da formación nacionalista tamén insistiu na “necesidade de eliminar todos os símbolos fascistas e franquistas que continúan presentes en diferentes puntos da cidade, a comezar pola Cruz dos Caídos no Castro”.

De mallar ‘rojos’ a destruír monumentos a vítimas do franquismo

As pintadas no monte do Castro non é o único "incidente" protagonizado na Galiza pola extrema dereita. A memoria das vítimas da represión franquista é un dos obxectivos preferidos da extrema dereita en Galiza. Nestes anos os ultras españolistas protagonizaron diferentes ataques contra estes memoriais. Exemplos deste actuar como ataque ao monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira, que apareceu en agosto de 2014 pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na igrexa vella de Marín. 

En 2019 varios fascistas deron unha malleira en Ferrol a un mozo independentista. Meses antes un mozo foi agredido en Pontevedra por levar unha camisola coa bandeira galega coa estrela vermella e dous anos antes, en 2016, un rapaz denunciou que unha agresión na Coruña ao berro de “Arriba España”.

En outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo. Esnaquizaron a placa que lembraba as vítimas e botaron pintura verde sobre os nomes das persoas asasinadas.

En febreiro de 2011 a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica denunciaba a aparición de “pintadas fascistas” na placa do cemiterio de Lavadores de homenaxe a represaliados polo franquismo. “Non é a primeira vez que acontece”, denunciaban desde este colectivo.çOs locais sociais tamén teñen sido obxecto de ataques. En 2013 persoas descoñecidas atacaran en Pontevedra o local social A Revira, enchéndoo de pintadas de "Fuera separatistas" ou "Galicia es España". En xuño de 2017, en Ferrol e tan só horas despois de que BNG e Fundaçom Artábria propuxesen que se recuperase o nome lexítimo e tradicional, Porta Nova, fronte á denominación posta no franquismo, - Praza de España- ; era atacado con pintura un mural situado perto de Artábria e dedicado ás Irmandades da Fala.