188 quilómetros de estradas galegas de titularidade estatal son de alto risco

A estrada N-642, no lugar de intersección coa N-640, ao seu paso por Ribadeo, na comarca da Mariña. (Foto: Europa Press).

A historia repítese ano tras ano. O informe de Avaliación da Rede de Estradas do Estado elaborado RACE, en parcería con outros clubs automobilísticos europeos, sitúa a rede viaria galega entre as máis perigosas do Estado. O alto número de sinistros de circulación no país ten nesta realidade unha das súas causas.

O Real Automóbil Club de España (RACE) leva analizando a situación da rede viaria de titularidade estatal no marco dun programa impulsado e validado desde as institucións comunitarias. O denominado  proxecto Europa RAP estuda o nivel de risco daqueles tramos viarios cunha circulación superior a 2.000 vehículos diarios e cunha lonxitude superior a cinco quilómetros. Asemade analiza o perfil dos accidentes daqueles grupos sociais máis vulnerábeis e a incidencia do tráfico pesado no alcance dos sinistros.

RACE estuda o nivel de risco mediante a avaliación dos sinistros e a súa gravidade en relación coa densidade de tráfico. Segundo os autores do informe, “a metodoloxía estruturase en base a un “Índice de Risco” definido como o número de accidentes mortais e graves acontecidos nun tramo por cada 1.000 millóns de vehículos quilómetro”.

O nivel de risco

O relatorio sinala que “para fixar os tramos perigosos da rede de estradas aténdese a certos criterios de homoxeneidade  en canto a tipoloxía da vía, o tipo de interseccións que presenta e a existencia de tramos con calzada única ou separada”.

188 quilómetros de estradas de titularidade estatal son consideradas de alto risco na Galiza. Mentres o 8,8% da rede viaria galega está caracterizada como de grande perigo, a porcentaxe en Madrid atópase en 0 %, en Murcia en 1,2%, en País Valencià en 0,4% ou en Asturias en 6%.

As conclusións do traballo do RACE estabelecen unha “correspondencia entre os sinistros e o estado de conservación das estradas está fóra de toda dubida até o punto de que son aquelas onde menos investimento existe por parte do Goberno onde se concentran máis accidentes”.

Accidentes e estradas

O estudo significa que os accidentes na Galiza están moi ligados á situación das estradas. A este respecto, o traballo destaca a concentración de accidentes naqueles tramos con peor visibilidade, situación do firma máis deficiente, ausencia de dobre carril ou o peralte das curvas.

O documento desvela que ningún tramo de autoestrada ou autovía figure entre os traxectos perigosos do Estado e da Galiza, o que explica que aquelas zonas con escasos quilómetros de estradas convencionais como Madrid non aparezan na listaxe.

Galiza concentra dous dos 10 tramos de máis risco da rede viaria do Estado. A estrada N-642, no lugar de intersección coa N-640, ao seu paso por Ribadeo, na comarca da Mariña, está considerada como a octava máis perigosa de todas as vías de titularidade estatal.

A vía é cualificada de alto risco polo informe do RACE, estando incluíndo no mesmo desde a primeira edición do relatorio, rexistrando en todas anualidades con sinistros, que non mellor dos casos, requiriron a hospitalización das persoas accidentadas.

A estrada N-547 entre Melide e Arzúa é a outra vía de alto risco da rede viaria estatal. O seu punto máis crítico localízase na parroquia de Boente deste último municipio, estando incorporada a esta listaxe desde 2014.