Luz verde a 70 dos 77 polígonos eólicos que obtiveron declaración ambiental favorábel

Polígono eólico en Abadín, na Terra Chá. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Suman un total de 1.824 megawatts.

A Xunta da Galiza informou de que aprobou a licenza de construción de 69 polígonos eólicos, á que se sumará outra en breve, antes da data límite do 25 de xullo fixada polo Goberno estatal.

A comezos de 2023, o Goberno galego informaba de que 77 proxectos eólicos obtiñan declaración ambiental, os cales sumaba 2.200 megawatts —con 43 informes desfavorábeis por 1.114 megawatts—. Agora, a Xunta indica que son uns 70 os que conseguen superar a licenza de construción, que se traducen en 1.824,6 megawatts e un investimento de máis de 1.800 millóns de euros.

Nun comunicado, a Consellaría de Medio Ambiente subliña que "a Galiza cumpre cos prazos estabelecidos polo Goberno estatal", ademais de valorar que "o cumprimento do devandito fito administrativo foi posíbel grazas á lexislación autonómica vixente en materia de simplificación administrativa e reactivación económica", o que levou a unha maior axilidade na tramitación.

Ademais, a Xunta da Galiza subliña que prepara a futura lei de administración ambiental simplificada, onde haberá un "imprescindíbel equilibrio entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural", á vez que se aposta por "unificar e actualizar a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos."

Todo iso ocorre nun contexto de paralizacións por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de medio cento de proxectos eólicos por posíbeis riscos ambientais e no marco dunha campaña do Executivo galego para “axilizar” a tramitación de proxectos industriais na Galiza. .