A macrofesta universitaria acusada de machista viaxa agora a Lugo 

Un cartaz do evento

Após o seu polémico paso por Vigo, a American Pie Party visitará a cidade lucense o vindeiro 23 de marzo

A Plataforma Feminista de Lugo vén de denunciar a celebración da American Pie Party, unha macrofesta universitaria acusada de machista en redes sociais. Organizado por unha empresa portuguesa, o evento esixe ás mulleres acudir cun código de vestimenta obrigatorio, baseado en disfraces “sexys" de animadora ou profesora, entre outros.

 

A polémica comezaba en Twitter o 9 de marzo, coa primeira parada da American Pie Party en Vigo. Após as críticas recibidas, a promotora eliminaba a palabra “sexy” do cartaz, que aínda se pode ver no das pasadas edicións. Para a Plataforma Feminista de Lugo, “a normalización destas celebracións perpetúa a visión patriarcal da muller, que deixa de ser suxeito para converterse en obxecto de consumo”. 

 

Segundo o colectivo, “a temática da festa baséase nun filme profundamente misóxino no que catro amigos teñen que perder a súa virxindade canto antes, degradando as mulleres a simples obxectos necesarios para cumprir os seus obxectivos”, explican. 

 

Por ese motivo, desde a Plataforma Feminista de Lugo veñen contactando cos distintos puntos de venda das entradas co fin de informar do acaecido nas anteriores festas. “Moitos deles ao enterarse decidiron deixar de vender as entradas”, contan. A localización exacta da festa permanece en segredo até poucos minutos antes o seu inicio, e só é comunicada a través de SMS ás persoas asistentes.