Análise

A maioría dos bispos galegos, contra o Papa Francisco

O Papa Francisco e Rouco Varela, no Vaticano, en 2014. (Foto: Conferencia Episcopal Española)

A guerra dos sectores máis integristas da Igrexa católica contra o Papa Francisco tamén se libra na Galiza. Tanto é así que a maioría da xerarquía eclesiástica galega sitúase en contra da corrente de cambio impulsada desde o Vaticano. A influencia de Rouco Varela segue a ser moi importante na Galiza.

O último capítulo da batalla entre as xentes de Francisco e os prelados conservadores librouse con motivo da elección do novo bispo de Mondoñedo-Ferrol. A elección como responsábel da diocese do crego burgalés Fernando García Cadiñanos respondeu á decisión do Vaticano de fecharlle o camiño á alternativa promovida polo todopoderoso ex arcebispo de Madrid Antonio María Rouco Varela. Neste sentido, fontes coñecedoras do proceso afirman que “Rouco desenvolveu unha intensa actividade na Galiza, Madrid e Roma co obxectivo de colocar unha persoa afín en Mondoñedo. Precisamente a urxencia no nomeamento de García Cadiñanos foi para parar a súa xogada”.

A influencia de Antonio María Rouco Varela na Galiza segue a ser moi forte. O seu sobriño, Alfonso Carrasco Rouco, nomeado bispo ao tempo que o seu tío dirixía con man de ferro a Igrexa no Estado, atópase á fronte da sé de Lugo. Persoa de perfil conservador, membro do grupo da Comisión Especial para a Doutrina da Fe, que en 2009 tentou condenar a obra teolóxica de Andrés Torres Queiruga por herexía, favoreceu ao longo do seu mandato o desembarco na diocese de membros do Camiño Neocatecumenal, permitindo a apertura dun seminario para sacerdotes deste grupo, en funcionamento desde setembro de 2016.

O Camiño Neocatecumenal, cuxos membros son coñecidos como os “Kikos”, en referencia ao nome do seu fundador, Kiko Argüello, son un grupo ultra conservador e integrista, con 300.000 integrantes no Estado español, e cuxa actividade está prohibida en moitas dioceses europeas. Segundo algunhas fontes, é o movemento católico máis próximo a Vox, até o punto de achegar un bo número de membros ás candidaturas desta formación en diferentes procesos electorais no conxunto do Estado.

Ourense tamén conta cun centro de formación do Camiño Neocatecumenal. A súa orixe remóntase a xuño de 2014, cando os “Kikos” xuntaron máis de 6.000 persoas en Santiago de Compostela, nun acto presidido polo arcebispo Julián Barrio e onde tomaron a palabra a totalidade dos bispos galegos. Na súa intervención, Argüello, presente aquel día, informou da solicitude do bispo de Ourense para abrir na cidade un seminario dos “Kikos” e deu conta da súa entrada en funcionamento nese mesmo ano.

Opus e “Cielinos” na Galiza

O bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet, fai parte do Opus Dei. Membro da Sociedade Sacerdotal Santa Cruz, que aglutina os sacerdotes ligados ao Opus, non dubidou en recoñecer a súa pertenza ao mesmo, afirmando que “desde que son diácono, pertenzo á Sociedade Sacerdotal Santa Cruz.

Obviamente, está vinculada ao Opus Dei”. Considerado como “conservador”, mesmo por xornais de información relixiosa tan reaccionarios como Infovaticana, debe o seu nomeamento a Rouco Varela, a cuxo carón se forma en Compostela, e a Luís Quinteiro, antecesor na sé ourensá.

Luís Quinteiro Fiúza, antigo responsábel da diocese de Ourense e actual bispo de Tui-Vigo, é unha cara pública de grupo Comuñón e Liberación. Fundado en Italia en 1954 polo crego Luigi Giussani, conta con arredor de 3.000 adherentes no conxunto do Estado español, desprega un inxente labor no ámbito educativo a través dos seus centros de ensino e sitúase en posicións políticas abertamente conservadoras. Porén, a diferenza dos “Kikos”, moi próximos a Vox, os “Cielinos”, nome co que se designa popularmente aos membros de Comuñón e Liberación, atópanse na esfera do PP.

Quinteiro Fiúza tamén fixo parte do grupo Comisión Especial para a Doutrina da Fe que en 2009 tentou condenar a obra teolóxica de Torres Queiruga por herexía, desenvolvendo unha intensa actividade como propagandista de Comuñón e Liberación, certificada nas múltiples palestras e seminarios arredor do pensamento do fundador do grupo Luigi Giussani.