Máis de 100 colectivos e asociacións apoian a manifestación pola abolición das touradas en Pontevedra

Manifestación contra as touradas en Pontevedra Foto: GZ Videos

A mobilización terá lugar este sábado, 12 de agosto, a partir das 20:00 horas.

Máis de cen colectivos, entidades e organizacións apoian a manifestación contra as touradas que este sábado, día 12, vai ter lugar en Pontevedra.  Desde entidades culturais a sindicatos, centros sociais, grupos de música, organizacións políticas, ambientalistas ou asociacións deportivas. A ampla listaxe de adhesións mostra o apoio dun amplo tecido social á reivindicación da plataforma Touradas fóra de Pontevedra. En 2009, as entidades que apoiaban esta mobilización eran apenas 14. Hoxe en día, superan o cento.

 

A Plataforma destaca a importancia de asistir a un ha mobilización que se centra en tentar acabar coa última das grandes touradas que ten lugar no noso país, pedindo a súa abolición. Lembran que a inmensa maioría da sociedade galega rexeita este tipo de actos. A pregoeira nesta ocasión é a xornalista, guionista e escritora Diana López Varela.