Máis de 12.000 estudantes comezaron esta terza feira as proba de acceso á universidade

Estudantes preparando a ABAU. (Foto: Arxina)
O uso da máscara durante os exames será voluntario nesta edición.

Ás 10 horas de onte comezou na Galiza a Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU), na cal participan un total de 12.661 alumnas e alumnos galegos nos sete campus, localizados nas grandes cidades, das tres universidades do país.

A proba de Historia de España inaugurou esta edición de 2022 dos exames, aos que están anotados este ano 300 estudantes menos do que na pasada edición, marcada pola pandemia. A deste ano supón a primeira edición postpandemia da proba e para o seu decorrer, decidiuse deixar á elección do alumnado o uso da máscara. Aliás, tamén poderán levar, de forma voluntaria, xel desinfectante, panos de usar e tirar e bebida, que debe ser auga ou refresco en botellas transparentes sen etiquetar. Para alén diso, muda a configuración na distribución nas aulas, con só un asento de separación entre estudantes, o que permitiu reducir o número de espazos nos cales se desenvolven os exames.

De todos os modos, a principal novidade desta edición da ABAU é a posibilidade de presentarse á proba con até unha materia suspensa no segundo curso de bacharelato.

En caso de alumnado illado por coronavirus de forma voluntaria, se o estudante puider acreditalo medicamente, poderá aprazar as probas ao mes de xullo. Por outra parte, se o estudante mostra síntomas de Covid-19 durante a proba, será levado a unha sala onde estará acompañado por un representante do seu centro de estudos, ambos os dous con máscara cirúrxica e distancia interpersoal de seguridade.

Alumnado con necesidades especiais

Os estudantes con necesidades especiais ou con diversidade funcional poderán realizar os seus exames na comisión delegada no Centro de Recursos Educativos da Once en Pontevedra ou nos centros asignados en cada campus. Este alumnado deberá solicitar ante a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) realizar as probas con adaptacións concretas como axudas técnicas, lectura fácil ou acudir cun acompañante.

"Un muro no acceso á educación"

O sindicato estudantil Erguer, estudantes da Galiza, pronunciouse acerca da convocatoria á ABAU. "Máis de 12.000 estudantes realizan estes días unhas probas que determinarán o seu futuro e non imos ficar caladas ante un modelo elitista, deshumanizador e antipedagóxico que é un muro no acceso á educación", sentenciaron.