Máis de 200 entidades ecoloxistas sinalan como exemplo de mala praxe á Mina de San Finx nunha carta á UE

Minas de San Finx Lousame (Imaxe: ContraminAcción)
Reclaman á Unión Europea ferramentas para diminuír os desequilibrios de poder entre as compañías mineiras e as comunidades afectadas na súa estratexia de materiais primas críticas. E reclaman un maior acceso á información e capacidade de decisión desas mesmas poboacións.

A transición verde que está a deseñar a Unión Europea precisa de materias primas para avanzar. Como veñen advertindo asociacións ecoloxistas, mesmo as fontes de enerxía renovábeis requiren destes materiais para poñerse en marcha.

Unha necesidade que se aviva aínda máis na transición dixital das economías europeas, acelerada agora por unha pandemia que disparou o teletraballo, as consultas sanitarias a distancia ou a educación en liña.

As empresas europeas importan unha gran parte desas materias primas de terceiros países. Na liña para atallar a súa dependencia, que a Comisión Europea liga á China sen mencionala, foi deseñada a nova estratexia europea de materias primas críticas. 

Porén, a estratexia non inclúe entre os seus obxectivos a posibilidade de diminuír esas necesidades nunha transición máis sustentábel. 

Dereito a decidir

Nunha misiva enviada á sede da Unión Europea en Bruxelas, máis de 200 entidades, entre elas máis dunha vintena galegas, preveñen da necesidade de escoitar ás comunidades afectadas por explotacións en funcionamento e futuras. "Os grupos asinantes reafírmanse no seu dereito de dicir non aos proxectos mineiros", advirten.

Para aseguralo, reclaman ferramentas para reducir os desequilibrios de poder e acceso á información entre a poboación e as compañías mineiras.

As entidades demandan que estes mecanismos se estendan non só aos Estados europeos, senón a aqueles cos que a Unión Europea asine acordos comerciais ou dos que obteña materias primas. En concreto, piden que se "minimice" o impacto das explotacións e se "reforcen" os dereitos civís.

"A Comisión insiste nas prácticas mineiras sostíbeis e responsábeis na transparencia. Non obstante, as evidencias amosan que incluso empresas líderes mundiais en materia de estándares ambientais teñen problemas para cumprir os seus compromisos", escriben.

O exemplo citado é o da mina de San Finx, en Lousame. As asociacións aluden ao baixo rendemento da delegación enviada desde Bruxelas para avaliar a aplicación da lexislación ambiental europea na explotación tras as "once preguntas escritas, varias peticións no Parlamento Europeo e dúas queixas ante a Comisión Europea".