Por internet xa navegan máis de 3.000 dominios .gal

Imaxe: puntoGAL

A Asociación Puntogal e a Federación de Librarías de Galiza celebran o Día do Libro agasallando cun desconto no rexistro dun dominio .gal pola compra dun libro.

Non hai tanto que o .gal é unha realidade, pouco máis dun ano, mais xa son máis de 3.000 dos dominios que teñen este identificador galego. “Un logro de toda a sociedade galega”, como afirman desde a asociación Puntogal. Empresas, institucións, colectivos sociais, organizacións poíticas e sindicais, entidades de lecer... son múltiples os que optaron por se rexistrar co dominio galego en internet.

Puntogal presentou esta quinta feira unha campaña para celebrar o 'Día do Libro' da man da Federación de Librarías de Galiza. O vindeiro sábado 23 de abril, pola compra dun libro a persoa recibirá unha fita marcadora cun código de desconto polo que o prezo final do rexistro dun .GAL será de 15 euros. Coa colaboración de 'Galicia Calidade', as librarías galegas teñen 38.000 marcadores para repartir a partir do vindeiro 23 de abril. A promoción esténdese ata o 31 de xullo e hai que se dirixir a unha das tres empresas rexistradoras que participan: Dinahosting, Entorno Digital e Blacknight

Puntogal é unha entidade sen ánimo de lucro que ten o compromiso de reinvestir os beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia.